xoves, 15 de marzo de 2007

Moción presentada no Pleno polo BNG de Brión



PROPOSTA DE RESOLUCIÓN PARA QUE O CONCELLO SOLICITE Á CONSELLERIA DE EDUCACIÓN QUE O NOVO IES DE SECUNDARIA CONTE CUNHA INSTALACIÓN SOLAR TÉRMICA EÓLICA E FOTOVOLTAICA

O interese polos problemas medio-ambientais que afectan ao conxunto do planeta é unha preocupación crecente a nivel mundial. Diversos encontros a nivel internacional foron dando corpo ás máis diversas iniciativas pensadas para atallar a constante degradación do medio. O cumio de Río do ano 1992 auspiciado pola ONU foi unha gran conferencia sobre o medio ambiente, desta conferencia xorden diversos acordos, entre outros a chamada Axenda 21, un programa de acción para lograr un desenvolvemento sostíbel e afrontar as cuestións ambientais e de desenvolvemento de forma integral a escala mundial, nacional e local. Cinco anos máis tarde mediante o chamado Protocolo de Kioto establécense as bases para a redución de gases de efecto invernadoiro que se concretan nun acordo global no cumio de Bonn en xuño de 2001.

Dende a perspectiva local os concellos poden facer moito para contribuír á toma de conciencia sobre os problemas do medio ambiente, o desenvolvemento sostíbel e o cambio climático tales como poden ser as políticas de información, formación e incentivación en relación ao uso de recursos enerxéticos renovábeis.

O BNG de Brión presenta a seguinte iniciativa:

Parécenos interesante que o que vai ser o novo Instituto de Ensino Secundario, poida contar cunha instalación térmica solar para o quecemento de auga, tanto sanitaria como para a calefacción, xunto con outra instalación eólica e fotovoltaica para a produción de parte da electricidade que o centro poida consumir. Hoxe este tipo de instalacións contan con importantes vías de subvencións, o seu funcionamento suporía un importante aforro en combustíbel e, ademais poderíase presentar como un modelo, un exemplo de uso e eficacia de modelos enerxéticos alternativos en equipamentos públicos.

Por todo isto propoñemos ao Concello en Pleno:

1.- Que solicite á Conselleria de Educación que dote ao novo Instituto de Secundaria dunha instalación solar térmica para quentar auga de uso sanitario e calefación e dunha instalación eólica e fotovoltaica para cubrir parte da demanda da electricidade do centro.

2.- Que se solicite que o novo centro conte, igualmente, cunha aula didáctica para uso dos estudantes e público en xeral, onde se expoña a eficiencia das enerxias renovábeis.

Brión 7 de febreiro de 2007

Xesús Pena Espiña

Concelleiro do BNG

Ningún comentario: