domingo, 13 de abril de 2008

MOCIÓN SOBRE VIVENDA PROTEXIDA

No debate dos orzamentos municipais, celebrado o 18 de decembro do 2007, o noso grupo criticaba a ausencia de partidas para a promoción de vivenda pública. Con esta moción pretendemos que se volva a poñer derriba da mesa un tema tan transcendente para o futuro do noso concello, como é a vivenda pública que afecta fundamentalmente aos sectores menos favorecidos e entre eles á mocidade que se vén obrigados a buscar vivenda fóra do noso concello. Ademais consideramos que este é un momento propicio que pode axudar a reactivar o sector da construción e mesmo dar saída aos posíbeis excedentes de vivenda xa construída. Así mesmo tampouco podemos obviar a demanda que hai no Rexistro público de demandantes de vivendas de protección autonómica correspondente ao noso concello, que neste momento se cifra en 99 demandantes.
A nosa proposta ben avalada pola seguinte normativa, que pasamos a resumir:
1. A normativa estatal, Lei 8/2007, de 28 de maio, recolle de maneira expresa a obriga de reservar unha porcentaxe do 30% do solo previsto para uso residencial para vivenda protexida.
2. No Anteproxecto de Lei, de medidas urxentes en materia de vivenda e solo aprobada no Consello da Xunta o 14/02/2008 e no que modifica a Lei 9/2002, de 30 de decembro de ordenación urbanística e protección o medio rural de Galicia, e que a día de hoxe se atopa no tramite parlamentario para o seu debate, establece a porcentaxe mínima nun 30%, podéndose reducir ata un 20% se se xustifica que esta reserva é “manifestamente excesiva”.
3. Que debido á natureza mesma das medidas como urxente, nas disposicións transitorias recóllense mecanismos de aplicación directa sen necesidade de modificar o PXOM.
4. Que dende o pasado mes de febreiro de 2007 púxose en funcionamento un Rexistro Único de Demandantes, dependentes da Consallaría de Vivenda e Solo, que ten como finalidade facilitar a

xestión e o control na adxudicación de vivendas de protección autonómica.
Tendo en conta o anterior propoñemos ao concello en pleno a toma en consideración da seguinte proposta:
1. Que o concello realice os trámites pertinentes para a reserva de solo protexido para acadar os parámetros marcados por lei.
2. Que dende o concello se estude a posibilidade de ofertar vivenda pública que cubra a demanda dos solicitantes que xa están rexistrados
.


Brión 11 de abril de 2008

Asdo: Xesús Pena e Carme Robledo

Ningún comentario: