luns, 12 de maio de 2008

Quintana apunta ás políticas de solo empresarial como instrumento clave para facer fronte á desaceleración económica

Anxo Quintana e Teresa Táboas presentaron hoxe en Cangas a proposta de delimitación da Área Empresarial do Morrazo

Cangas do Morrazo, 9 Maio 08.- O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, afirmou hoxe que “unha política de país en materia de solo industrial actúa como instrumento de dinamización e desenvolvemento económico e demostrarase clave para remontar a recesión actual” e, neste senso, asegurou que este Goberno “ten cambiado a anterior política de solo empresarial de parches por unha política de solo empresarial estratéxica”. Quintana fixo estas declaracións durante a presentación hoxe en Cangas da proposta de delimitación da Área empresarial do Morrazo, na que tamén participou a conselleira de Vivenda e Solo, Teresa Táboas.

O vicepresidente indicou que a nova situación de desaceleración económica “esixe unha actuación decidida por parte dos poderes públicos que nos permita remontar canto antes a crise actual”. Segundo dixo, a reactivación da economía pasa por un apoio firme aos nosos sectores produtivos; unha actuación sobre a vivenda protexida que beneficie ás familias, impulse o sector e evite a especulación; unha política enerxética que repercuta positivamente no país; unha aposta decidida pola investigación e a innovación; a dinamización do medio rural; a consolidación do Sistema Galego de Benestar e, tamén, “unha política de solo empresarial estratéxica, que actúe como verdadeiro motor do crecemento económico e que sirva tamén para cohesionar o territorio”.

Ao respecto, Quintana engadiu que un Goberno responsábel non pode dedicarse a sementar parques empresariais sen máis criterio que o amiguismo político e os intereses partidistas locais, “porque esta estratexia desemboca no despilfarro dos recursos públicos, na especulación e na ineficacia económica”. “Isto foi o que aconteceu en Galiza no pasado”, lembrou, cando nalgunhas comarcas do país as parcelas dos parques permanecían baleiras durante anos e noutras zonas había unha gran demanda de solo empresarial. Fronte a isto, Quintana asegurou que “agora, por primeira vez, temos unha política de solo empresarial que responde a unha planificación previa, que ten en conta as necesidades de solo produtivo das empresas e que busca, ademais, contribuír ao reequilibrio territorial do país”.

O vicepresidente explicou que esta nova política parte de que ningunha empresa pode deixar de implantarse no territorio galego ou de medrar por falta de solo empresarial urbanizado, con infraestruturas axeitadas e a prezos competitivos. Ao mesmo tempo, a disposición dese solo empresarial faise de xeito que se aproveitan tódalas potencialidades do territorio e non se crean competencias e rivalidades entre as diferentes áreas industriais. Esta nova aproximación plasmouse no Programa Galiza Suma, que prevé a creación de 20 millóns de metros cadrados de solo empresarial e un investimento de 2.000 millóns de euros en dez anos.

Esforzo inversor

A esta nova concepción da política de solo empresarial engádese “un esforzo inversor sen precedentes”. Quintana apuntou que nestes últimos dous anos a Consellería de Vivenda e Solo está a xestionar 39,2 millóns de metros cadrados de solo produtivo, cifra considerablemente superior aos 10 millóns xestionados nos dezaseis anos anteriores, e fixo a comparativa tamén en investimentos: 149 millóns nos últimos dous anos fronte a 135 millóns investidos en toda a etapa de goberno do PP. O vicepresidente da Xunta xa adiantou ademais que neste exercicio se vai continuar con esta liña de fortes investimentos, destinando 276 millóns de euros en 2008. “Esta é unha cifra histórica, sen precedentes no noso país”, asegurou, un investimento que “vai xerar un importantísimo volume de obra pública que vai contribuír de xeito decisivo a superar a desaceleración”.

Área Empresarial do Morrazo

Na nova estratexia de solo industrial deseñada polo Goberno galego, Quintana puxo como exemplo o estudo de Delimitación da Área Empresarial do Morrazo, presentado hoxe.

A situación escollida para esta área responde á súa posición central na península do Morrazo, con distancias equiparables para os concellos de Cangas, Moaña, Bueu e Marín. Tívose en conta tamén a boa comunicación da que dispón, con acceso ao Corredor do Morrazo e, por tanto, coa Autopista do Atlántico AP-9 e con Vigo como centro estratéxico do sur da provincia.

Quintana explicou que o ámbito xeográfico delimitouse tendo en conta a facilidade para a obtención dos terreos, a dotación de infraestruturas existentes, o menor impacto natural que se vai producir, unha urbanización máis sinxela e a posta a disposición dos terreos urbanizados no menor tempo posíbel. Do que se trata é de acoller o máximo número de parcelas de tamaño medio; o que vai permitir reducir os prazos na expropiación e non deixar fóra a propietarios de xeito arbitrario. No tocante á accesibilidade, aprovéitanse os accesos existentes actualmente dende o Corredor do Morrazo. Por outra parte, a dotación de infraestruturas, a auga, o alcantarillado e a electricidade proveñen da ampliación das instalacións do Polígono de Castiñeiras, en Bueu, que se vai integrar na delimitación da área empresarial prevista. Así mesmo, o impacto natural queda minimizado ao protexer os cauces existentes e non incluír os elementos arqueolóxicos catalogados.

Superficie e investimento

En total, a área empresarial disporá dunha superficie de 1.526.000 m2, dos que 724.000 m2 pertencen ao concello de Cangas e 623.000 m2 ao de Bueu, ao que hai que sumarlle os 120.000 m2 do Parque de Castiñeiras, xa existente e ubicado tamén neste municipio.

O investimento previsto é de 61 millóns de euros , que empezarán a executarse xa neste ano. Quintana adiantou que no 3º trimestre de 2008 está prevista a aprobación definitiva do proxecto sectorial; no 4º trimestre, a obtención dos terreos e no 1º trimestre de 2009 comezarán as obras de urbanización.

Trátase dunha actuación complementaria coas outras áreas do contorno de Vigo: o Parque Empresarial de Mos, o Parque do Val do Tea, en Ponteareas, e a Plataforma Loxística Salvaterra-As Neves (PLISAN), conformando un polo industrial no Sur da provincia estratéxico, competitivo e coordinado.

O vicepresidente asegurou que esta actuación constitúe “un bo exemplo da nosa política de solo produtivo”, pois nela conflúen os principais criterios que integran a estratexia do Goberno galego: a planificación integral, a busca do equilibrio territorial, a localización acaída, a axeitada integración no territorio, a ordenación e a urbanización de calidade, o respecto ao patrimonio natural e cultural, e a solución das eivas provocadas polas actuacións precedentes. “Imos darlle á área empresarial do Morrazo un valor estratéxico para a provincia e para o conxunto do país, situando á comarca no mapa empresarial de Galiza”, apostilou.

Ningún comentario: