luns, 9 de xuño de 2008

Quintana reclama "unha nova fronteira para o nacionalismo"

O portavoz nacional pide traballar "para que neste 25 de Xullo teñamos a primeira exemplificación desta nova fronteira, que é converter o BNG na casa común de todos os galeguistas do país"

Santiago de Compostela, 7 Xuño 08. Anxo Quintana comezou hoxe en Santiago a intensa campaña de actos que -baixo o lema “cremos neste País”- vai desenvolver o BNG deica o 25 de Xullo, Día da Patria Galega. Realizou “un chamamento a todos e todas, aos que se sinten satisfeitos coa acción de goberno e aos que se sinten menos satisfeitos, pero a todos os que teñen a Galiza no corazón e na cabeza, para sermos capaces de construír unha nova fronteira para o nacionalismo”.

O portavoz nacional frontista destacou a existencia “dunha maioría social que pensa en clave de país e ten a Galiza sempre na súa cabeza” e chamou ao BNG a traballar “con esforzo e intelixencia para converterse na casa común de todos os galeguistas do país”.

“O BNG sempre fixo políticas para as maiorías sociais; agora temos que ser a representación política desa maioría social”, asegurou. Nesa liña, Quintana lembrou que “o BNG naceu xa con vontade hexemónica e maioritaria, non para ser complemento de ninguén” e chamou a acadar “a hexemonía democrática” e liderar o próximo goberno galego.

Segundo o vicepresidente da Xunta, “temos dado importantes pasos nese camiño”. Así, destacou as pasadas eleccións municipais “nas que o BNG obtivo o mellor resultado da súa historia en termos de representación institucional” e tamén as eleccións xerais “nas que prepararon un escenario para que Galiza fose só unha extensión da política española, pero non só fomos quen de resisitir senón mesmo de avanzar”.

Para Quintana, “esa nova fronteira que reclamamos para o nacionalismo galego que lle permita ser o proxecto político de todos os galeguistas deste país ten que ter a súa primeira exemplificación o próximo 25 de Xullo, que vai ser a mobilización máis grande de todo o nacionalismo”. “E iso será a antesala dun futuro de prosperidade para Galiza”, asegurou.

agalega.info - Videos das noticias dos informativos da TVG

Ningún comentario: