
O colexio de Brión, vén sendo dende hai anos un punto negro en canto aos servizos que ofrece o concello, estámonos a referir ás constantes reclamacións que levamos feitas, ademais das da comunidade educativa, a teor das deficiencias que se presentan nas instalacións. De novo o noso grupo ten que denunciar a persistencia das mesmas, e ao mesmo tempo facer fincapé noutros aspectos das novas instalacións por consideralos de máxima importancia para o futuro do comunidade educativa.
1. Sobre as instalacións vellas:
a. Sobre o chan das pistas deportivas: este pavimento non é o axeitado para a práctica deportiva, por ser moi agresivo e esbaradizo, polo tanto proponse o cambio do mesmo.
b. Sobre as barreiras arquitectónicas: os accesos na súa totalidade dende o patio é a través de escaleiras, incrumpindo polo tanto a Lei de Accesibilidade.
c. Sobre o tellado: numerosas pingueiras que caen sobre as aulas.
d. Pintado de aulas: as paredes das aulas necesitan unha pintura urxente xa que ofrecen un aspecto lamentábel.
e. Cortizas e pechos das portas tamén necesitan unha reparación e/ou un cambio urxente.
f. As ventás do 1º e 2º andar son as mesmas que hai 30 anos, polo tanto deixan pasar o frío o que as fai pouco sostibles en canto a consumo de calefacción se refire e á propia confortabilidade.
2. Sobre as instalacións novas:
a. O CPI de Brión é un centro grande (sobre 400 nenos/as) que ademais se atopa en crecemento polo tanto non entendemos que haxa só dous aseos de
patio, un para os nenos e outro para as nenas, xa que son claramente insuficientes.
b. O Comedor escolar adoece dunhas dimensións reducidas o que vai obrigar a ter, cando menos, dúas quendas de comidas.
c. Tamén nos parece de sentido pouco común o sistema de ilumación das aulas, con lámpadas sen protexer que poden incluso resultar perigosas xa que se poden soltar ou romper.
O noso grupo solicita ao concello en Pleno que tome en consideración a seguinte proposta:
1. Que solucionen de inmediato aqueles aspectos que sexan da súa competencia.
2. Que manifeste o seu apoio á comunidade educativa nas reclamacións que están realizando ante os organismos competentes.
3. Que o concello faga as oportunas xestións ante a Consellaría de Educación para que se poña remedio a todas estas deficiencias que afectan á comunidade educativa en particular e a todos/as brioneses en xeral.
Brión 3 de outubro de 2008
Concelleiro portavoz: Concelleira:
Xesús Pena Espiña Carme Robledo
Ningún comentario:
Publicar un comentario