1.- Convén recordar ao inicio do debate:
a. A importancia do orzamento como documento vertebrador da situación económica e social do concello, pauta das liñas prioritarias da acción de goberno e guía estratéxica para o futuro do noso concello.
b. A importancia do orzamento para os tempos de crise, como instrumento básico para reactivar as economías produtivas, fomentar o emprego e dar cobertura a políticas sociais.
c. A importancia de incentivar a participación cidadá na elaboración de contas transparentes no camiño do que que se vén chamando “orzamentos participativos”.
2. O documento orzamentario que se nos presenta para a súa aprobación vén sendo coma os dos últimos anos, unicamente con algo máis de diñeiro e mellorados tecnicamente. Non presenta nin unha soa modificación estrutural que permita intuír que foron elaborados tendo en conta o momento de crise crecente que estamos a sufrir, unha crise cun horizonte incerto e consecuencias, no día a día, impredicibles.
Na opinión do noso grupo, as liñas de acción fronte a crises deben ser abordadas dende os distintos planos das distintas administracións e sen dúbida dende a administración local pódense realizar moitas accións complementarias das políticas xerais anticrese.
O noso grupo entende que nestes momentos é necesario incrementar substancialmente os fondos destinados a partidas en investimentos reais, as partidas destinadas á creación de emprego e promoción económica e as partidas destinadas á prestación de servizos sociais. Todas estas conxuntamente e de xeito traversal derivan directamente en riqueza, confianza e calidade de vida.
Por outra banda é imprescindible restrinxir o máximo posible os gastos correntes e os gastos en persoal non vinculado directamente ás actividades produtivas, é dicir buscar a eficiencia nos servizos que se prestan e nos equipamento que se xestionan e reducir a burocracia.
Pero nada disto se recolle no presente modelo de orzamentos que se nos trae para a súa aprobación.
Vexamos:
2.a.- Son escasamente inversores: 31% en investimentos reais fronte o 66,7% en gastos correntes dos que o 31,3% corresponden a gastos de persoal e o 28,1% a gastos correntes. É maior o gasto en persoal (2.109.254 €) que o que se destina en inversións reais (2.091.862 €)
2.b.- É excesivo o gasto en persoal seguramente derivados dun cadro de persoal, pouco adecuado ás necesidades reais e aos servizos que se deben prestar, e si máis en función dos intereses políticos do grupo gobernante. Neste punto é de destacar o importante incremento que experimentan os gastos para órganos de goberno 17.3% (111)
2.c.-Seguen sendo excesivos os gastos en enerxía eléctrica e combustibles, (183.000 e 83.400 euros respectivamente) seguramente derivados da carencia de eficaces políticas de control, aforro e eficiencia enerxética.
2.d.- Son escasas as partidas dedicadas a ACCIÓN SOCIAL no referente á calidade e eficiencia dos servizos que se prestan, nin tan sequera se alcanza o 7% do total do orzamento que é o umbral mínimo necesario estimado.
2.e.- As partidas para a PROMOCIÓN DE EMPREGO cun total de 122.301 €, teñen sufrido unha importante baixa fronte ás do pasado exercicio (192.811,92 €), pero en calquera caso, é debido á súa mala xestión, son gastos que non teñen dado froitos significativos.
2.f.- Nas partidas dedicadas á CULTURA teñen un excesivo peso os gastos en atencións protocolarias, publicidade e propaganda e festexos populares. Por fin non aparece como investimento o famoso auditorio que fora dotado no exercicio do 2008 con 179.270€ e no 2007 303.000 € que evidentemente non se executaron xa que o tal auditorio, que se saiba, non está construído.
3.- Pola contra partidas que poderían reforzar ás políticas anticrise ou ben carecen de dotación orzamentaria, ou ben levan unha dotación moi cativa
1.- Solo industrial ( Polígono intermunicipal dos Barreiros): sen partida
2.- Promoción de emprego eficiente e conciliación laboral: partida escasa e pouco eficiente
3.- Políticas de igualdade e loita contra a discriminación de xénero: escasas e pouco eficientes
4.- Políticas medio-ambientais: sen partida
5.- Liñas de acción para o aforro e a eficiencia enerxética: sen partida
6.- Políticas de protección e recuperación do patrimonio: sen partida.
7.- Equipamentos públicos para o ocio e o lecer: escasamente dotada
8.- Promoción turística: partida escasa
9.- Máis Bolsas de estudos e axudas ao transporte para estudantes: partida escasa
10.- Cooperación INTERNACIONAL: partida irrisoria 0.05%
E por último o constante desprezo que se segue tendo polo idioma, como podemos constatar no “chapurreo” co que está escrito o documento; claro que vostede aínda se segue considerando o pioneiro na utiulización do noso idioma o que parece que lle dá dereito vitalicio a deturpalo e a ter esa acitude tan pouco coidadosa.
As nosas propostas configurarían un orzamento máis apropiado para os tempos de crise e netamente distinto ao que vostedes presentasn pero xa sabemos que non van ser tomadas en consideración, non é o seu talante negociar e buscar consensos, nin tan sequera en momentos críticos, xa o temos visto cando hai poucos días propuxemos liñas de consenso para deseñar e ter un seguimento das propostas que o Concello ten que presentar urxentemente ao abeiro do Plan de Investimentos Locais que o Goberno central vén de aprobar.
EN CONSECUENCIA O NOSO VOTO E UN VOTO NEGATIVO para o seu negativo proxecto de orzamento.
Brion 22 decembro 2008
Xesús Pena Espiña
Carme Robledo
Ningún comentario:
Publicar un comentario