O noso grupo ten recibido queixas procedentes da comunidade escolar do colexio de Pedrouzos. As queixas e preocupacións están relacionadas co estado no que se atopan as pistas de cemento do patio.
Estas pistas, segundo a comunidade educativa, presentan basicamente dous problemas:
a). As gradas do seu contorno carecen das debidas proteccións o que as converte en altamente perigosas.
b). O chan das propias pistas é de cemento pero atópase altamente deteriorado e é moi abrasivo polo que se producen frecuentes mancaduras no alumnado, ademais de constantes deterioros na roupa e no calzado.
Esta é unha deficiencia que xa vén de vello, e que, polo visto, a Consellería de Educación non está disposta a arranxar, polo que é necesario que o Concello aborde unha solución, cando menos, provisional. Esta solución, polo que nos teñen comentados os técnicos, podería ser unha imprimación superficial por riba do cemento o que faría que as pistas foran moito menos abrasivas e máis seguras.
Entendemos que estas melloras nos patios do Colexio de Pedrouzos poderían acollerse ao recén aprobado Real Decreto-lei 13/2009, de 26 de outubro, polo que se crea o “Fondo Estatal para el Empleo y la Sostenibilidad Local” polo que o Concello de Brión vai recibir un total de 767.995 euros. Este Real Decreto define no artigo 9 que tipos de obras son financiables e, entre outras, cita no apartado j) “La construción, adecuación, rehabilitación o mejora de centros educativos”.
Por todo o exposto, o grupo municipal do BNG propón ao Concello en pleno a toma en consideración do seguinte acordo:
1. Colocar proteccións nas gradas que bordean os patios do colexio de Pedrouzos.
2. Aplicar ás pistas de cemento algún tipo de tratamento para reducir o alto grao de abrasividade,
3. Estudar a posibilidade de incluír estas obras no novo Fondo Estatal para o Emprego e a Sostibilidade Local.
Brión 4 de novembro de 2009
Carme Robledo Muíña
Xesús Pena Espiña
Ningún comentario:
Publicar un comentario