xoves, 9 de setembro de 2010

PROPOSTA PARA O ACONDIONAMENTO DE EDIFICACIÓNS QUE QUEDARON SEN REMATAR NO NOSO CONCELLO.



O Grupo municipal do BNG de Brión ven de presentar unha moción no Concello instando a que o goberno local tome medidas de seguridade para aplicarlle as vivendas que, fundamentalmente debido a crise, quedaron sen rematar e poden presentar un perigo para os veciños e/ou viandantes. En concreto chamamos a atención sobre un bloque de vivendas no Tremo, nos Ánxeles, da que se adxuntan dúas fotos, que un vez rematado se atopa en práctico estado de abandono e ruína, co agravante que se atopa as beiras da estrada de Noia por onde pasan diariamente moita xente, e o perigo de desprendemento de vidros ou losetas é constante.
Nos solicitamos que o Concello obrigue á empresa a que tomar medidas de protección ou ben que o propio Concello proceda ao valado da vivenda para illala da vía publica
.


Un dos funestos resultados da crise económica foi e é o abandono de construcións sen rematar que están a provocar malestar na cidadanía. O noso concello tampouco é alleo, por desgraza, a esta situación e son bastantes os edificios que están a sufrir as consecuencias dun deterioro progresivo e implacable que é precisamente o motivo desta proposta do BNG. Sabemos que o noso concello ten unha ordenanza que contempla con exactitude o que se debe facer en casos de abandono de edificios e que cremos se ten que trasladar a estes novos edificios que non parecen ter dono.
En concreto falamos da construción que está sita na avenida de Noia e que ten unha fachada de lousa. Son vivendas que presentan un estado ruinoso, con lousas que se desprenden, cristais rotos, portas destrozadas, e un entorno abandonado.

Somos conscientes da dificultade do concello para intervir en propiedades de uso privado, mais tamén cremos que o concello ten responsabilidade cos seus cidadáns que transitan pola vía pública e que se poden ver afectados.

Polo tanto propoñemos ao concello en pleno que teña en consideración a seguinte proposta:

1. Que se comunique coa empresa construtura para que vixíe a obra ou a aille da vía pública.
2. De non ser posible, que o concello advirta con carteis do perigo da zona ou ben que proceda ao seu illamento da vía pública co fin de protexer aos cidadáns.

Brión 3 de setembro 2010

Carme Robledo Muíña
Xesús Pena Espiña

Ningún comentario: