mércores, 2 de xullo de 2014

Galiza ten dereito a unha tarifa eléctrica propia como produtora excedentaria de enerxía


O actual modelo eléctrico é ineficiente, irracional e caro, deseñado á medida das catro grandes compañías eléctricas e contra os consumidores, tanto familias como empresas, que soportan a factura máis cara de Europa e un incremento do 77% no recibo da luz nos últimos cinco anos, mentres as eléctricas españolas obteñen beneficios que case triplican os das súas homólogas europeas.

Neste escenario de “auténtico despropósito”, o portavoz nacional, Xavier Vence, explicou a alternativa do BNG, que ten como elemento central reformular o actual modelo “centralizado e privatizado imposto por Aznar e Rato en 2003”, por un modelo “descentralizado e público” como teñen Alemaña e Francia, onde se estableza unha tarifa galega. 

“Galiza ten dereito a beneficiarse de ser produtora excedentaria de enerxía eléctrica, xa que tivemos que asumir todos os custos ambientais e sociais que iso implica. Os usuarios, as familias e as empresas do país teñen dereito a beneficiarse dunha tarifa galega máis barata, sen pagar os custos do transporte, porque somos o centro de produción”, argumentou. 

Vence denunciou o “triplo efecto nefasto” do actual sistema tarifario: encarece a factura das familias, lastra a competitividade das empresas “que pasan un auténtico calvario” e “esquilman” de novo a tod@s @s contribuíntes, que tamén pagan a factura do consumo eléctrico público vía impostos.

Alternativa

O dirixente nacionalista enumerou as propostas da alternativa do BNG. Primeiro, un modelo eléctrico público e descentralizado con tarifa galega. Segundo, medidas concretas e inmediatas para loitar contra a pobreza enerxética que afecta o 18% dos fogares galegos, con mecanismos como o bono social cunha tarifa mínima para as persoas máis vulnerables, e establecer as eléctricas a obriga de non cortar a luz por falta de pagamento ás familias con determinados requisitos. Terceiro, unha auditoría independente e a fondo “á fraude do chamado déficit tarifario”, que está cifrado en 27.500 millóns de euros. Cuarto, impugnar a Lei do sector eléctrico, aprobada no Congreso en solitario polo PP. 

“Desde o Bloque demandámoslle a Feijóo que a Xunta recorra esta lei ante o Tribunal Constitucional porque non só consolida, senón que agrava, o modelo existente en contra dos consumidores, das empresas e do sector das enerxías renovables”, alegou. 

Ao BNG non lle vale que agora o Goberno de Rajoy faga o “paripé” contra a subida anunciada polas eléctricas o mesmo día que aproba por lei a consolidación do modelo.

Financiamento do PP

Esa “persistencia” lexislativa ten para o portavoz do BNG unha explicación moi clara: “Responde a un modelo absurdo deseñado polo PP pensando no lobbie das eléctricas, e da banca como principal accionista, que despois financian de xeito ilegal este partido, como demostra a investigación xudicial en que está inmerso e que non acaba nunca”, alegou, en referencia ao novo rexistro de 14 horas efectuado na sede dos populares en Madrid. 

“Así se explica que o PP lexisle e siga lexislando a favor destas compañías e en contra do interese xeral”, concluíu.

O problema no noso concello

É absolutamente intolerable o que estivo acontecendo nas últimas semanas en canto á subministración de luz en moitas das nosas parroquias, onde coa escusa dos temporais quedaron sen subministración incluso nos días de Nadal é por varias xornadas consecutivas. Dende o BNG esiximos que o Concello adopte as medidas necesarias para instar as compañías eléctricas, que cobran as súas tarifas a prezo de ouro, a que fagan as modificacións que consideren necesarias para evitarlles toda esa problemática aos veciños, e en caso de non facelo, consideramos que o Concello tería que adoptar as correspondentes decisións no ámbito xurídico en prol de defender os intereses do concello.

Neste sentido, e ao igual que se está a facer noutros concellos, consideramos que o Concello ten que planificar e resolver medidas orzamentarias para poder atender aqueles veciños que por cuestións económicas non poidan facer fronte aos pagamentos das subministracións durante a época de inverno, para que poidan ser atendidos polos servizos sociais, xa que pensamos que o primeiro son os veciños e despois as multinacionais eléctricas, que día si día tamén asoballan coas súas subas inxustas, abusivas e insolidarias para encher os petos dos directivos ou ex-políticos dos seus consellos de administración. Neste eido, ao igual que se fixera co tema dos medicamentos (a proposta do BNG de Brión), instamos a crear unha bolsa de axuda social.

Ningún comentario: