venres, 4 de marzo de 2011

A presentación do protocolo sobre a violencia de xénero. Crítica

“A presentación do protocolo sobre a violencia de xénero tivo lugar no auditorio do centro social polivalente de Pedrouzos, ante unha treintena de representantes de asociacións, institucións e entidades que participaron activamente na súa elaboración. Entre eles había miembros das forzas de seguridade de Brión, da comunidade educativa, do centro médico, dos servizos sociais, do Xulgado de 1ª Instancia de Negreira,e das asociacións cidadás. Na súa intervención o alcalde brionés, o socialista Xosé Luis García, sinalou que para porlle freo á violencia de xénero temos que colaborar todos xuntos.”
Estas son as palabras que rezaban nun coñecido medio de comunicación escrita sobre o acto de presentación do protocolo sobre a violencia de xénero, esa lacra que parece non ter fin, e por iso aplaudimos todas as medidas encamiñadas a erradicar a violencia machista.

martes, 1 de marzo de 2011

Denunciamos nun acto a brutal subida de impostos que vai supor a nova Lei de augas aprobada polo Partido Popular


O BNG de Brión realizou esta fin de semana un acto para explicar a nova Lei de auga aprobada polo PP na parroquia da Luaña. No acto participaron o Portavoz Municipal e candidato á Alcaldía de Brión, Xesús Pena e o profesor da USC, Xesús Veiga que foi deputado no Parlamento Galego.
Xesús Pena quixo destacar a importancia que a auga ten para nosa sociedade e máis nun concello como o de Brión, na que unha boa parte da súa poboación vive e traballa no rural. Segundo Pena, a auga é “un ben escaso e necesario, que non pode estar ao vaivén das marexadas políticas do PP”.

luns, 21 de febreiro de 2011

Remitimos pregunta que nos fixo chegar un veciño de Vilariño dos Cunqueiros co rogo que a fagamos chegar oa Pleno.

Remitimos pregunta que nos fixo chegar un veciño de Vilariño dos Cunqueiros co rogo que a fagamos chegar oa Pleno.
Di textualmente o que sigue:

“Bos días:

Dirixome a vostedes para transmitirlles a miña preocupación a cerca dunha nova que se publicou no voceiro do grupo socialista do concello este pasado mes de xaneiro. O titular é o seguinte: “ Brión único municipio con saneamiento en todos os fogares”. Dentro do contido cítase “Rematar o saneamiento integral de Brión é un dos compromisos que a candidatura encabezada por Xosé Luis García adquireu cos veciños en 2.007. Brión é un dos poucos concellos galegos cun saneamento de auga que chega ao 100% das localidades. Os 428.000 euros do plan Zapatero de 2010...”
Compre dicir, falando de porcentaxes, que non é verdade ao 100%. Remontámonos uns meses atrás, na revista Altamira do propio concello, nas novas referentes ao saneamiento (páxina 3) no corpo da nova cita: “As únicas excepcións serán Vilariño dos Cunqueiros e Ruibal, aldeas onde están habitadas dúas casas que terán unha solución particular para cada unha”

martes, 15 de febreiro de 2011

ROGOS E PREGUNTAS PLENO FEBREIRO 2011

1. Sobre o arranxo de farolas:
a. O noso grupo xa ten denunciado ante as dependencias municipais a rotura e en consecuencia o non funcionamento dunha farola sita en Agro Novo (esquina do chalet 123 na rúa que dá acceso aos garaxes) que é de total necesidade para a veciñanza ao estar situada nunha zona moi escura. A farola está rota dende o verán e vemos que o tempo pasa e segue igual.

Por todo isto rogamos ao concello en pleno que solucione, urxentemente, este problema e que se tomen as medidas legais oportunas para que os responsables do feito, de estaren identificados, se fagan cargo dos custos.
Así mesmo queremos insistir no noso compromiso a prol da redución de contaminación lumínica que afecta á zona dos Ánxeles e que se solucionaría apagando moitas das farolas que non supoñen ningún beneficio para a veciñanza e que suporía. Ademais, un importante aforro económico e ecolóxico.

2. Sobre o reparto das subvencións.

De novo este ano vemos como a Sociedade de caza de Brión se nutre dunha importante subvención de 3000 euros, caso insólito na Galiza. O noso grupo roga que o señor alcalde nos explique cal é o beneficio que trae esta actividade para o resto da cidadanía (o ano anterior díxosenos que era para repoboar o monte de coellos). O noso grupo ten noticias de que houbo protestas por parte dos veciños sobre a proximidade dos cazadores ás casas e aos camiños, incluso disparando, incumprindo a normativa vixente, soa a broma). Cremos que o diñeiro público debe utilizarse para o beneficio de todos e todas e que cada un debe pagarse as súas propias aficións, polo tanto criticamos e mostramos a nosa total disconformidade con esta subvención xa que, repetimos, non ten ningún interese social, cultural, medioambiental, económico, etc. para o concello de Brión.

3. Sobre a paralización do vial a Perrós
Queremos saber sobre a paralización do vial que vai a Perros e cales foron os antecedentes que o provocaron.

4 .Sobre verquidos no río Pego
O noso grupo ten constatado a presenza, polo mes de decembro, de verquidos no río Pego de aceites ou substancias similares. Queremos saber se o concello ten constancia deste feitos e en calquera caso rogamos que manteña unha actitude vixilante e de control sobre estes feitos dadas as características das empresas da zona.

xoves, 10 de febreiro de 2011

O BNG brionés renova a súa confianza en Xesús Pena Espiña como candidato á alcaldía de Brión.





Brión,02 de febreiro de 2011. A asemblea local do BNG de Brión volveu a depositar a súa confianza no seu portavoz municipal, Xesús Pena Espiña como candidato á alcaldía nas vindeiras eleccións municipais do mes de maio.
Segundo se manifestou na propia asemblea, o concello de Brión precisa un cambio, outra maneira de facer política que e so pode vir da man do BNG. Non vai vir nin do PP coas súas políticas de confrontación nin tampouco pode vir do actual alcalde que leva mais de trinta anos no poder e que nos últimos anos ven de apostar polo partido do PSOE que ten o encargo de desmontar o estado do benestar É o BNG o único que vai traballar un afortalamento na prestación de servizos públicos, na defensa do etado do benestar e que pode garantir a transparencia e “achegar” a Casa do Concello aos veciños e veciños de Brión.
En palabras do propio candidato, Xesús Pena “as veciñas e veciños Brión necesitan que o BNG teña un papel relevante no concello, que sexa parte activa das iniciativas que dende o grupo de goberno se leven a cabo”. Iniciativas que garantan a educación pública en todos os niveis no noso concello, dende infantil ate os ciclos de formación. Iniciativas encamiñadas a crear emprego sustentábel no concello e ao desenvolvemento de mercados de proximidade, os servizos público e sociais e un concello sustentable no futuro.
E para que o BNG sexa decisivo Xesús Pena quere contar cun grupo de veciños e veciñas de todas as parroquias e darlle un papel fundamental na candidatura aos mozos e mozas do concello. Segundo Pena, “ a mocidade ten que ser participe de todas as iniciativas que se debatan no pleno do concello e parte activa das decisións que alí se tomen.”
Ao longo dos meses, a asemblea local do BNG co seu candidato, Xesús Pena vaise achegar a todas as parroquias para recoller as propostas dos veciños e veciñas e resolver as dúbidas e inquedanzas destes. Un intenso e duro traballo para que o vindeiro 22 de maio o resultado das eleccións municipais sexa o mellor posíbel para Brión.
Brión 8 de febreiro de 2011

Roberto Pardal Coca

xoves, 3 de febreiro de 2011

MOCIÓN PARA A CONSTRUCIÓN DUNHA ÁREA DE APARCAMENTO COMPLEMENTARIA AO TRANSPORTE METROPOLITANO



O plan de transporte metropolitano de Compostela da Consellería de Medio Ambiente ten encargado a redacción dun plan sectorial de aparcadoiros que eles chaman “disuasorios” e que irían ligados ao fomento do transporte público. Estes estacionamentos disuasorios deberían emprazarse próximos a vías de gran capacidade non saturadas para recortar tempos ao máximo posible.
No caso compostelán, o plan inclúe aos municipios de Oroso, Teo, Val do Dubra, Vedra, Ames, Boqueixón e Brión.
Algúns concellos veciños nosos e próximos a Compostela parece que xa teñen deseñado estas áreas de aparcamento. No caso do noso Concello non temos coñecemento de que se estea a facer algo semellante.
O noso grupo entende que a existencia de zonas de aparcamento, gratuíto, iluminado e con certa vixilancia debe ser un complemento altamente positivo para ao transporte urbano.
a) Potenciaría o uso do transporte público metropolitano
b) Sería un elemento de seguridade para os usuarios que acoden aos puntos de embarque e deixan os seu coches, bicis e outros elementos de transporte privados en zonas seguras.
c) Podería ser un factor de potenciación do comercio e os servizos locais.
No caso do Concello de Brión entendemos que esa área de aparcadoiro complementario ao transporte metropolitano debería localizarse na zona de Os Ánxeles, xa que é onde conflúen tódalas liñas de buses. A nosa proposta é que

sexa un aparcadoiro para un mínimo de 50-80 coches, tamén con prazas para bicis e motos, iluminado, gratuíto e con unha mínima vixianza por parte da policía local. Entendemos que a zona de servidume do viaduto da autovía podería ser o lugar idóneo xa que se atopa moi perto dos enlaces da rede do transporte metropolitano.
Por todo o exposto o grupo do BNG de Brión insta ao Concello en Pleno que tome en consideración a proposta de
1. Construír unha área de aparcamento complementaria ao transporte metropolitano de Compostela coas condicións antes comentadas e na zona proposta ou ben en cal queira outro lugar que de común acordo entendamos como máis idónea


Brión 1 de febereiro 2011


Carme Robledo Muíña
Xesús Pena Espiña