xoves, 16 de outubro de 2008

O Concello de Brión limita a 4 o número de mocións dos grupos políticos

O PP considera unha «mordaza» a decisión do goberno local e o BNG di que «non é democrática»
Emma Araújo
16/10/2008

O pleno de Brión aprobou onte cos únicos votos do grupo de goberno, que preside con maioría absoluta Xosé Luís García (PSOE), modificar o regulamento orgánico de réxime interno para regular a presentación de mocións dos grupos políticos e a forma de actuación en caso de posibles mocións de censura e de confianza.
A iniciativa do goberno local no concernente ás propostas que formulen os grupos políticos foi a de establecer un límite de catro por cada partido. Esta formulación provocou o rexeitamento do Partido Popular e BNG co argumento coincidente de que supuña un recorte aos dereitos dos grupos políticos e un claro hándicap á hora de fiscalizar a xestión municipal, sobre todo tendo en conta que Brión celebra sesións plenarias cada dous meses.
O portavoz popular, Carlos Tomé , tachou de «mordaza» a iniciativa do grupo de goberno e o seu homólogo do BNG, Xesús Pena, considerou que a decisión «non é democrática» polo que anunciou que o seu grupo buscaría mecanismos legais para intentar que non entre en vigor.
O rexedor, pola súa banda, afirmou que concellos como A Coruña e Arteixo teñen regulado o número de mocións con tres no primeiro caso e cinco no segundo. En base a isto e ás características dos dous municipios, García considerou suficientes as catro mocións por grupo e sesión plenaria en Brión e insistiu en que non nega información aos grupos da oposición. As queixas da oposición incidiron tamén en que o cambio no regulamento non garante que as catro propostas inclúanse como mocións na orde do día, o que implica que en primeiro lugar debe debaterse a súa urxencia, un trámite que só permite unha quenda para a exposición de motivos e a votación sobre a urxencia. Este mecanismo, segundo PP e BNG tamén supón un recorte nas funcións da oposición.
© Copyright LA VOZ DE GALICIA S.A.

Ningún comentario: