
Pequena presentación do perfil da conselleira e da consellería.
Filla de emigrantes ourensáns do Carballiño e Beariz, naceu na Cidade de México no ano 1.961. Doutora Arquitecta cunha Tese Doutoral sobre “A Cor en Arquitectura “. No 2.003 foi elixida Decana-Presidenta do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, sendo a primeira muller en acceder a ese cargo. É conselleira titular do Consello Superior dos Colexios de Arquitectos de España e desde abril de 2006 preside a Comisión de Vivenda na Asemblea Xeral do Consello de Arquitectos de Europa, con sede en Bruxelas, no que está a traballar para a presentación das liñas básicas para o intergrupo de vivenda do Parlamento Europeo. Desde Agosto de 2005 ocupa o cargo de conselleira de Vivenda e Solo da Xunta de Galicia.
Por qué un Plan Sectorial de Vivenda Protexida?
O Plan Sectorial Galego de Solo Residencial é un documento de planificación urbanística supramunicipal destinado á obtención de solo para vivenda protexida, é o primeiro documento destas características que se elabora en todo o Estado. Este Plan Sectorial servirá como ferramenta para obter con axilidade solo residencial para vivenda protexida do que hoxe carecemos en moitas partes do país e que nos permita actuar de inmediato nas áreas de maior demanda de vivenda a prezo taxado, con independencia do grao de desenvolvemento do planeamento urbanístico de cada Consello.
Ademais, o desenvolvemento dos solos seleccionados no Plan Sectorial permitirá dar unha resposta a problemas de ordenación nos ámbitos seleccionados, mellorar as comunicacións, corrixir déficits dotacionais, completar tramas urbanas e, en xeral, mellorar as infraestruturas existentes.
Parece que a demanda de vivenda protexida é crecente máis, como interpreta a Consellería o tipo de oferta de vivenda protexida que debe proporcionar a través deste plan?
O Plan Sectorial Galego de Solo Residencial suporá a transformación urbanística de 8,7 millóns de metros cadrados de solo e planifica a construción de 45.600 vivendas protexidas en 57 concellos, nun período de tempo que vai do ano 2009 ao 2017. A estimación realizouse a partires da análise de tres variables fundamentais, a estrutura dos fogares galegos, as proxeccións de poboación e do saldo de fogares para os próximos dez anos, e o número de solicitantes inscritos no Rexistro de Demandantes de Vivenda Protexida, que a día de hoxe ascende a 23.000 demandantes activos.
Na situación de crise do modelo económico na que nos atopamos, qué papel vai xogar a Consellería con este Plan Sectorial?
Cremos que este Plan vai a actuar como un instrumento reactivador da economía e do emprego. A evolución da situación do mercado inmobiliario e as dificultades que comporta o acceso á vivenda xustifican sobradamente a necesidade dunha iniciativa como esta, no contexto da crise económica na que nos atopamos e faise, se cabe, máis oportuna, necesaria e urxente.
Neste contexto, a vivenda protexida pode e debe converterse no elemento dinamizador do sector da construción e, por tanto tamén da economía do país. Este plan sectorial ten capacidade para xerar unha carga de traballo cifrada en 300.000 empregos directos e indirectos e un volume de negocio de máis de 4.560 millóns de euros para o sector da construción.
Debemos entender este plan como unha medida illada na política dirixida a frear o incremento no prezo do solo residencial?
O Plan Sectorial forma parte do importante paquete normativo desenvolvido para sustentar lexislativamente a política social de vivenda deste Goberno, e non está formulado como solución exclusiva á carestía de solo residencial, senón como un complemento a outras actuacións para dar satisfacción a unha aspiración constante da cidadanía, o acceso a unha vivenda. É o caso da modificación da Lei do Solo, que supón un incremento de ata o 40% da porcentaxe de solo reservado para vivenda protexida nos concellos de máis de 20.000 habitantes.
Dende o Grupo Municipal do BNG en Brión levamos anos solicitando unha verdadeira política de vivenda para o noso concello, democrática e sustentábel. E só agora, dende a Consellería de Vivenda e Solo atopamos unha resposta que a veciñanza do concello viña reclamando. Que pode supor a inclusión de Brión no Plan Sectorial de Vivenda Protexida?
O Plan Sectorial Galego de Solo Residencial inclúe ao Concello de Brión na área funcional de Santiago de Compostela, cunha actuación concreta no lugar de Pedrouzos, un espazo conectado coa AC-451 que dá acceso á vía rápida Santiago-Noia. Delimitouse unha superficie de 55.527 metros cadrados nos que está prevista a construción de 187 vivendas protexidas e outras 47 vivendas de prezo limitado. O obxectivo fundamental é xerar un novo tecido urbano ao oeste do núcleo definido e crear unha ampla zona verde, de 15.000 metros cadrados. Esta actuación vai a supor un investimento de 4,9 millóns de euros.
Xa para rematar, non antes de agradecerlle este pequeno anaco da súa apertada axenda, gustaríame que resumira nun obxectivo, nunha frase, o paquete de actuacións que a súa Consellería está a levar a cabo no país.
Desde a Consellería de Vivenda e Solo queremos facer efectivo o dereito ao acceso a unha vivenda –en compravenda ou aluguer- que teñen todos os cidadáns, e que recolle a Constitución; queremos darlle a mesma importancia e protección que teñen a sanidade e a educación. Por iso, facemos unha política social de vivenda orientada á mellora da calidade de vida, á cohesión social, á loita contra a segregación por mor da vivenda, e a atención aos sectores desprotexidos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario