domingo, 18 de xaneiro de 2009

Milleiros de galegos maniféstanse en Santiago contra "a masacre de Gaza"



O vicepresidente da Xunta de Galiza, Anxo Quintana, acudiu á manifestación na que reclamou "unha resposta clara e contundente para o respecto dos dereitos do pobo palestino".
[GZnación / Redacción / 18 Xan 09]
Máis de 5.000 cidadáns, segundo algunha das organizacións que convocou a mobilización, manifestáronse hoxe polas rúas de Santiago de Compostela contra "a masacre de Gaza". A manifestación, encabezada por unha pancarta co lema "Galiza con Pelestina. Non á masacre", partiu pasada a media mañá do Paseo Central da Alameda e finalizou na praza da Quintana. Centos de bandeiras palestinas e de Galiza ondeaban no acto, ao que acudiu o vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, que reclamou "unha resposta clara e contundente para o respecto dos dereitos do pobo palestino".

Os manifestantes, convocados por medio centenar de partidos, asociacións e movementos sociais, abarrotaron o paseo central da Alameda. "Palestina vencerá", "Galiza con Palestina", "os sionistas son os terroristas", "somos todos Palestina", "solidariedade co pobo palestino" ou "non a guerra", foron algunhas das frases que corearon e gritaron os manifestantes durante todo o traxecto da marcha. As pancartas tamén apoiaban a Palestina e esixían a fin da "matanza". Nelas podían lerse frases como "Palestina vencerá", "Contra a política criminal de Israel" ou "Paremos esta matanza".

Entre os milleiros de manifestantes estaba o vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana quen declarou que "o nacionalismo galego ten no seu código xenético o internacionalismo solidario" e indicou que "é o momento da solidariedade, é o momento de reclamar o cese inmediato do xenocidio contra o pobo palestino". Quintana demandou a resposta da comunidade internacional que, ao seu xuízo, "non pode permanecer calada". "É bo que a cidadanía reclame unha resposta clara e contundente para o respecto do dereito do pobo palestino".

Anxo Quintana tamén aproveitou a oportunidade para "intentar por todos os medios que o Goberno de Israel cambie a súa postura e que saiba que enfrontarse co pobo palestino é o mesmo que enfrontarse contra toda a comunidade democrática do mundo". Na súa opinión, "é o momento de estar ao lado dos máis débiles".

Sobre o alto o fogo unilateral de Israel, o vicepresidente da Xunta pediu que esa medida "se converta nunha solución pactada e definitiva para a existencia do pobo palestina no seu territorio".

2 comentarios:

Anónimo dixo...

Eso é o que temos que facer, defender a ditadura palestina da democracia israelí. Defender os palestinos que mallan a ostias e violan as súas mulleres e fillas e os que lanzan Kassam contra as vilas israelís. Que admitan a realidade: non queren un país para eles, queren a desaparición de Israel ainda a costa da desaparicion do seu pobo.

Bng de Brión dixo...

denunciamos unha reiterada masacre dun pobo que foi desprazado e sitiado no seu propio territorio por un estado que baixo o apoio das democracias liberais occidentais e coa xustificación da liberdade e da democracia non cesa nos seus ataques desproporcionados. Máis o peor de todo isto, reside na motivación que levou ao goberno israelí a iniciar as ofensivas bélicas: acadar unha significativa vantaxe electoral de cara aos comicios que se ían celebrar en poucas semanas.