sábado, 14 de febreiro de 2009

PROPOSTA PARA SUBSANAR DEFICIENCIAS NO CEIP DE BRIÓN




O CEIP de Brión é un colexio público que conta cun importante número de alumnos/as (350) e que ten unha antigüidade de trinta e catro anos (foi construído no ano 1975). Ambos os dous factores axudan a que o deterioro do colexio sexa importante e ben visíbel. Trinta e tres anos son moitos para un vello edificio que contemplou a varias xeracións pasar polas súas aulas e xogar no seu desgastado patio. Pero nunha época en que o culto á beleza e á xuventude son a máxima a seguir, o noso vello, resignado e estupefacto asiste á súa paulatina dexeneración e remóvese, en forma de gretas e fochancas, cando ve e escoita que o único que lles parece interesar aos políticos do lugar son as súas propias guerras e que estes, cegos, son incapaces de ver a vida que bole dentro das súas paredes, o esforzo dos profesores/as, dos pais e nais para que os futuros cidadáns/ás brioneses camiñen pola vida ben formados e orgullosos de si. Estes 350 alumnos/as reclaman educarse nun lugar seguro, cun tellado seguro (sen tellas soltas), cunhas fiestras que fechen ben e que illen do frío exterior, polo tanto sostíbeis (xa que tanto se nos enche a boca coa palabra sostibilidade), e cun patio sen fochancas, seguro, un lugar para xogaren e coñecérense, non un patio perigoso, cheo de auga e cunhas barreiras arquitectónicas que dá medo velas (e séguesenos enchendo a boca cando falamos de accesibilidade). Hai algo máis importante que a educación? Queremos calidade? Queremos que os nosos nenos/as estuden nun centro educativo do século XXI? Queremos que o noso vello colexio esmoreza escunchado, agretado…ado…ado? Para cando o cumprimento das promesas?

Logo desta exposición, certamente moi literaria, xa que non sabemos como dicilo, só nos queda cantalo, dirixímonos a este concello en pleno para que tome en consideración as seguintes demandas:

1. Que se arranxen as tellas soltas.
2. Que se arranxe o patio, cremos que hai que facelo de novo, en vista do seu estado actual.
3. Que se poña dobre fiestra no piso superior, para un illamento axeitado.
4. Que se pinten ou recubran os muros interiores que dan á entrada principal.
5. E que se faga todo con celeridade e non se vaia deixando, coa EDUCACIÓN NON SE XOGA.
Brión 11 febreiro 2009


Xesús Pena Espiña Carme Robledo Muiña
Concelleiro-portavoz Concelleira

Ningún comentario: