
No día de hoxe, 1 de abril, cúmprense setenta anos do remate da chamada Guerra Civil española, cúmprense setenta anos desde cando un réxime totalitario e xenocida se impoñía pola forza das armas contra a lexitimade da II República.
Pasaron setenta anos pero aínda moitas realidades permanecen ocultas, moitas feridas sangrando e moitos símbolos recordando e exaltando a traxedia.
Co ánimo de corrixir esta situación despois de trinta anos de democracia, xorde a Lei 52/2007, de 26 de decembro, pola que se recoñecen e amplían dereitos e establécense medidas en favor de quen padeceron persecución ou violencia durante a guerra civil e a ditadura , a coñecida popularmente Lei da Memoria.
Esta Lei da Memoria manifesta na súa exposición de motivos, entre outras cousas, o que sigue:
”[....... ] esta Lei atende ao manifestado pola Comisión Constitucional do Congreso dos Deputados que o 20 de novembro de 2002 aprobou por unanimidade unha Proposición non de Lei na que o órgano de representación da cidadanía reiteraba que ninguén pode sentirse lexitimado, como ocorreu no pasado, para utilizar a violencia coa finalidade de impor as súas conviccións políticas e establecer réximes totalitarios contrarios á liberdade e dignidade de todos os cidadáns, o que merece a condena e repulsa da nosa sociedade democrática. A presente Lei asume esta Declaración así como a condena do franquismo contida no Informe da Asemblea Parlamentaria do Consello de Europa asinado en París o 17 de marzo de 2006 no que se denunciaron as graves violacións de Dereitos Humanos cometidas en España entre os anos 1939 e 1975. “
No artigo 15 da Lei recórdaselles ás Administracións Públicas o que segue:
”1. As Administracións públicas, no exercicio das súas competencias, tomarán as medidas oportunas para a retirada de escudos, insignias, placas e outros obxectos ou mencións conmemorativas de exaltación, persoal ou colectiva, da sublevación militar, da Guerra Civil e da represión da Ditadura. Entre estas medidas poderá incluírse a retirada de subvencións ou axudas públicas “
No noso Concello aínda permanece algún símbolo conmemorativo da sublevación fascista. En concreto o noso grupo ten constatado que na Igrexa de Viceso permanece nun dos laterais unha placa de mármore conmemorativa cunha listaxe dos caídos do bando “nacional” ( ver foto adxunta)
Polo exposto, o grupo do BNG insta o Concello en Pleno para que tome en consideración a seguinte proposta:
1.- O Concello de Brión toma o acordo de dirixirse ás autoridades eclesiásticas para que en aplicación da Lei 52/2007 procedan de inmediato a retirar as placas conmemorativas que poidan existir tanto no exterior coma no interior das igrexas do Concello de Brión.
2.- Se nun prazo razoable, as autoridades eclesiásticas no procederan a retirar os símbolos conmemorativos dos vencedores da contenda civil española contra a legalidade republicana, o Concello procederá, exercendo as competencias que a lei lle outorga, á retirada da citada simboloxía.
Brión 1 de abril de 2009
Carme Robledo Muíña Xesús Pena Espiña
Ningún comentario:
Publicar un comentario