mércores, 15 de abril de 2009

PROPOSTA EN DEFENSA DA LINGUA GALEGA

Coa proximidade da celebración do Día das Letras Galegas 09 e en vista de que o seguinte pleno ordinario non se celebrará ata o mes de xuño, cremos necesario presentar unha moción na que aparezan claramente postulados os nosos principios a prol da defensa da lingua en todos os ámbitos, así como a demanda ao concello en pleno para que aprobe esta moción, que pasamos a expoñer:
Coa aprobación por unanimidade no Pleno da Cámara na sesión do día 21 de setembro de 2004, do Plan xeral de normalización da lingua galega, parecían superadas as discusións sobre o futuro da lingua. Este Plan chegou vinte e un anos despois da aprobación, tamén por unanimidade, da Lei de Normalización Lingüística. Unha Lei na que traballaron arreo personalidades do mundo das letras e cultura galegas como Ramón Piñeiro, a quen este ano se lle dedica precisamente o Día das letras galegas.
Estas son algunhas das palabras do prólogo do Plan xeral do por aquel entón Presidente da Xunta D. Manuel Fraga:
“O galego, lingua propia de Galicia, como establecen a Constitución e mailo Estatuto, non pode ser utilizado como un instrumento político nin como arma partidaria. A nosa fala constitúe o cerne central da nosa identidade, o alento e a alma do pobo galego, e como tal, debemos traballar todos moi unidos e na mesma dirección. A defensa do galego é algo moi serio e debe levarse a cabo sen falsidades nin demagoxias baratas.” Tamén o daquela Conselleiro de Educación D. Celso Currás, dicía estas palabras: “Non seriamos obxectivos, no entanto, se non admitísemos a existencia de problemas que afectan á saúde da lingua.”
Tanto as palabras dun como do outro parecen contradicir o novo rumbo que, segundo as manifestacións aparecidas nos medios de comunicación, vai tomar o novo goberno da Xunta con respecto á política lingüística. E é certamente un retroceso, sen precedentes, e un erro volver ás políticas de confrontación lingüística, tomando como asesores a xentes que carecen dos máis mínimos coñecementos filolóxicos e sociolingüísticos, que precisamente se caracterizan por faceren “uso da demagoxia barata, da falsidade, e de utilizar a lingua como instrumento político e como arma partidaria”. Cando o galego entrou no sistema educativo, Ramón Piñeiro dixo: “O galego está salvado” hoxe o panorama non parece ser moi alentador coa ameaza da eliminación do decreto que regula o galego no ensino. O noso grupo pensa que o concello en pleno é sensíbel ante


os prexuízos que hai sobre a nosa lingua, froito en moitas ocasións do descoñecemento e da marxinación histórica na que se moveu. Cómpre que os brioneses e brionesas sintan o apoio da institución máis achegada a eles, que é o concello, á lingua na que viviron e amaron os seus devanceiros e queren que vivan e amen os seus descendentes.
Por todo isto pedimos que o Concello en pleno se postule a favor do cumprimento da lexislación vixente sobre o uso do galego e en contra de políticas que contribúan á súa marxinalización, como son a posible derogación do Decreto que regula o galego no ensino.


Brión 14 de abril de 2009

Ningún comentario: