
Nestes últimos tempos, temos visto na urbanización A Senra, en Brión, varias pancartas que informaban da situación de desamparo legal que viven estes veciños e veciñas por mor das deficiencias tanto no enganche do servizo de auga como da luz, solucionándose o primeiro e dando lugar o segundo á situación da cal nos vén informando a prensa estes días. Despois de que o noso grupo se puxese en contacto cos representantes da Xunta da Comunidade de Veciños, tivemos o coñecemento da situación desesperante e caótica na que están a vivir, obrigándoos incluso ao abandono das súas vivendas. Así tamén soubemos de primeira man que esta situación leva dous anos sen resolverse. O noso grupo entende, que á marxe de que este sexa un conflito de carácter privado, entre o construtor Juan Sampedro e outras subcontratas, e mesmo que os veciños e veciñas ocupasen as casas sen a debida licenza de primeira ocupación, entendemos que os poderes públicos, e en concreto o concello, non poden deixar de obviar este problema en canto afecta a veciños de Brión que se atopan no medio desta confrontación e son os que pagan as consecuencias.
Polo tanto o noso grupo propón:
1. Que o alcalde convoque ás partes en conflito: promotor, subcontratas e veciños/as para ver a posible solución do problema.
2. Que inste a Fenosa que lles restaure o subministro eléctrico para que poidan retornar ás súas casas.
3. Que os servizos técnicos municipais traballen con Unión Fenosa e Industria nunha alternativa razoable en caso de non chegaren as partes a un acordo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario