xoves, 18 de xuño de 2009
MOCIÓN SOBRE O SECTOR LÁCTEO
O sector agrario galego segue a ser un eixe de vital importancia na economía galega. Unha das características senlleiras é a súa marcada especialización gandeira, xa que as producións gandeiras achegan o 62 % do valor da produción da rama agraria, e dentro delas, sen lugar a dúbidas, é a produción láctea a que ten un maior peso, ao representar arredor dun 28% do conxunto da produción agraria galega.
Así mesmo, tamén é moi relevante a súa contribución fundamental desde o ponto de vista territorial, onde destaca a superficie de prados naturais, de pasteiros e de monte onde se practica o pastoreo, que constitúen o eixe da paisaxe agraria da maior parte do territorio.
A actividade económica dunha parte importante do territorio galego pivota arredor da produción agraria e, o sector agrario e as actividades económicas vinculadas a el son a principal fonte de emprego.
A evolución da produción láctea en Galiza ao longo das campañas que van desde 2005 a 2008, demostra a vocación de permanencia das explotacións lácteas galegas, pasando a significar o leite das explotacións galegas o 38 % das entregas á industria do Estado español, fronte ao 35 % que significaba a comezos de 2006. As explotacións lácteas galegas son, neste intre e sen dúbida algunha, o principal referente da produción láctea no Estado Español, non só polo seu peso, senón tamén pola dinámica de crecemento da produción en Galiza nun contexto como o que caracteriza ao sector no resto do Estado de estancamento ou redución das entregas de leite.
Malia a favorábel tendencia amosada nestes últimos tres anos no sector lácteo galego, a recente modificación da regulación comunitaria do sector lácteo, co horizonte da liberalización da produción de leite en 2015 precedido dun incremento lineal de cota a todos os Estados produtores da Unión Europea, incluídos os excedentarios, vén de sementar incerteza no sector, así como un drástico recorte de prezos percibidos polos gandeiros e gandeiras, pondo ao límite a supervivencia das moitas explotacións leiteiras de moitos concellos galegos.
Tamén no noso Concello, como todos sabemos, o peso do sector leiteiro segue a ter unha vital importancia, fundamentalmente nas parroquias de Viceso. A Luaña, Cornanda e Ons onde aínda sobreviven sobre 65 explotacións leiteiras cunha cota de mais de 11.500 toneladas ao ano.
Perante esta situación, cómpre unha posición institucional inequívoca de apoio ao sector, urxindo que as Administracións competentes adopten as medidas necesarias para garantir a estabilidade e o futuro do sector lácteo galego, e con iso asegurar un medio rural vivo na Galiza.
Por isto solicitamos do Pleno da Corporación a adopción do seguinte acordo:
1. Instar ao Goberno Español a renegociar a actual asignación de cotas entre os distintos Estados membros da UE, de xeito que o aumento da cota se dirixa unicamente a aqueles Estados que teñen unha cota moi inferior ao seu consumo interno e nos que existen segmentos importantes de explotacións, como é o caso de Galiza, que necesitan máis cota para ser viábeis.
2. Instar ao Goberno Español a propoñer na UE unha actuación decidida e concreta, para regular os mercados e garantir prezos aos produtores de leite, de xeito que se garanta a viabilidade do sector, do mesmo xeito que se actúa con outros sectores económicos.
3. Instar ao Goberno do Estado e á Xunta de Galiza a coordinar as actuacións necesarias para:
a) Garantir a recollida de todo o leite producido na Galiza.
b) Establecer axudas directas aos produtores de leite, para compensar o baixo prezo do leite en orixe -actualmente por debaixo do prezo de custo- en tanto non se recuperen os prezos de mercado.
c) Garantir a continuidade da industria transformadora existente na Galiza, e en concreto, da planta de Pascual na provincia de Lugo.
4. Comunicar este Acordo Plenario ao presidente do Goberno do Estado, ao Presidente da Xunta de Galiza, aos Grupos Parlamentarios do PP, do PSOE e do BNG, no Parlamento Galego e no Congreso dos Deputados.
Brion 2 de xuño de 2009
Carme Robledo
Xesús Pena Espiña
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario