O Concello de Brión xa non é o que era, hoxe o rural e o urbano mestúranse sen ningún pudor e son capaces de convivir. Agora ben esta convivencia ten moito de ficticia xa que rural e urbano camiñan de xeito paralelo e non ao unísono, en certa medida son dous mundos totalmente diferenciados e incluso perfectamente localizados, a zona máis alta é a estritamente rural e a zona baixa, concentrada nos Anxeles e en Brión son as urbanas. Cremos que o rural e o urbano non deben estar separado por liñas nos planos, nin estradas, nin valados, e sinceramente cremos que este non é en sentido estricto o problema de Brión, pero si cremos que o forte crecemento sobre todo no que a edificabilidade se refire, transformou Brión, e deixou moitas zonas verdes públicas moi díficiles de soster se só pensamos no concepto cidade xardín ou urbs in horto, pero cunha gran potencialidade que outras cidades do mundo e do estado souberon e saben aproveitar. Estámonos a referir a un concepto máis amplo que son os hortos nas cidades, ou hortos urbanos que nos permiten ademais de conservar os espazos verdes promover valores de solidariedade, cooperativismo e respecto ao medio ambiente.
E botando unha ollada polo noso concello demos coa área de reparto 7-8, na zona X-12, que linda coa saída da autovía (ou deberiamos dicir corredor?) a Noia e coa “tremenda” edificación de Urban. Estamos a falar dunha superficie de 14323 m. cadrados, que poderían ser aproveitados polas veciñas e veciños de Brión para cultivar hortos ecolóxicos.
Ademais, despois de pescudar información sobre esta nova maneira de entender o paisaxismo, vimos que pode ser un proxecto aínda moitísimo máis integrador se se traballa nas hortas con persoas con discapacidade, da terceira idade e sobre todo cos centros escolares que ademais están concentrados na zona, fomentando todos eses valores xa mencionados e outros que se poden condensar na aseveración de “un outro mundo é posíbel”.
Feita a motivación, solicitamos ao concello en pleno que teña a ben estudar esta proposta para que os hortos urbanos sexan unha realidade no futuro no noso concello e os brioneses e as brionesas que non teñen onde ter os seus propios cultivos poidan gozar desta oportunidade que os poderes públicos temos a obriga de lles facilitar.
Brión 18 de outubro de 2009
Carme Robledo Muíña
Xesús Pena Espiña
Ningún comentario:
Publicar un comentario