mércores, 17 de febreiro de 2010

ROGOS E PREGUNTAS PLENO FEBREIRO 2010

1. Ao longo do 2009 o noso grupo presentou varias propostas nas sesións plenarias que o Grupo de goberno deu por boas. Chegamos ao 2010 e constatamos que algunhas das nosas reclamacións seguen sen resolver, non sabendo no día de hoxe o motivo polo cal non se teñen levado a bo porto.

Estas son algunhas das cuestións formuladas no seu tempo e que quedaron en promesas. Queremos saber se o sr. Alcalde se ten esquecido ou é simplemente unha falta de incumprimento de palabra:

a). Pleno outubro 200: Colocación dun espello convexo nos accesos dende a urbanización das Hortensias nos Ánxeles cara á estrada dos Ánxeles a Pedrouzos (AC 451) pola beira do río Pego no Río Pego. Poñerase?

b). Pleno outubro 2009: Acórdase que o Concello se dirixa á Dirección Xeral de Obras Públicas da Xunta de Galicia para solicitarlle a instalación de pantallas antirruído no tramo da autovía Santiago-Brión no tramo do viaduto de Lamiño no lado colindante ao núcleo de poboación de Adoufe. Que xestións se teñen feito e resultados?

2. A finais do pasado mes de xaneiro témonos enterado que se acometeu a substitución das plataformas salva-escaleiras da Casa do Concello e da Casa da Cultura por outras novas acolléndose a un plan provincial da Deputación de eliminación de barreiras arquitectónicas e por un valor aproximado de 30.000 €. As plataformas substituídas foran instaladas a principios desta lexislatura, polo tanto levaban pouca mais de tres anos en funcionamento.

O noso grupo quere saber:

a) Cales foron as razóns do cambio das plataformas xa existentes polas novas.?

b) Cal foi o custe das plataformas substituídas?

c) Cal foi o seu uso ao longo da súa curta vida?

d) Non entende o Goberno Municipal que é un mal uso dos recursos públicos volver a acollerse aos plans da deputación para cambiar unhas plataformas por outras cando as cambiadas deberían estar en perfecto estado de funcionamento, xa que, cando menos, o súa utilización debeu ser moi escasa e o tempo que levaban instaladas era de escasamente tres anos.

3. No pleno abril 209 onde denunciamos que na Igrexa de Viceso permanece nun dos laterais unha placa de mármore conmemorativa cunha listaxe dos caídos do bando “nacional”. Acordamos que o Concello se dirixirse ás autoridades eclesiásticas para que en aplicación da Lei 52/2007 procedan de inmediato a retirar as placas conmemorativas que poidan existir tanto no exterior coma no interior das igrexas do Concello de Brión.

Cremos que xa se lle deu un tempo máis que razoábel ao bispado para que se puxera mans á obra e a retiran ROGAMOS que que o concello tome as medidas que a lei lle outorga.

4.- Tense debatido en varias ocasións neste Pleno o estado da instalación das gradas e dos aseos públicos no campo de fútbol de Brión, mesmo ten sido causa de polémicas nos medios de comunicación e e publicacións partidistas do PP e do PSOE, acusándose uns a outros de mentireiros. O certo é que no momento presente a ampliación da grada está sen facer e a que xa está instalada é como sen non estivera xa que cando chove a auga pasa dun lado a outro. É evidente que ten un problema de deseño técnico, xa que non protexe aos espectadores nin da choiva nin do vento.

Dos baños, nada que falar, simplemente non existen.

ROGAMOS que o Goberno Municipal axilice estas obras tan necesarias.

5.- De novo nos atopamos nos medios de comunicación coa polémica sobre o asunto do edificio do vello IES de Viceso: o estado de abandono no que se atopa, de quen é a propiedade, o tema do rexistro etc. O momento álxido do asunto é cando a Consellería de Educación pretende facer a entrega do edificio ao Concello, e este, por mandato do sr. Alcalde se nega a aceptalo e devolve as chaves. A polémica é tan cómica que os argumentos que se manexan parecen mais propios dunha “comedia buffa” que dun asunto de xestión municipal serio.

Como se pode negar o Goberno Municipal a recibir da Xunta a título gratuíto, un edificio, que aínda que deteriorado ten un gran valor en conxunto tanto pola construción como pola parcela na que está situado.?

O noso grupo ROGA ao sr. Alcalde que negocie coa Consellería de Educación unha partida económica para repoñer os danos causados no inmoble pero que en calqueira caso que non se rechace recibir este ben que pasaría ao patrimonio público do noso Concello

Brión 15 de febreiro de 2010

Carme Robledo Muíña

Xesús Pena Espiña

Ningún comentario: