martes, 23 de febreiro de 2010

ENTREVISTA AO PORTAVOZ XESÚS PENA ESPIÑA


Véñense de aprobar os Orzamentos para o ano 2010, o BNG votou en contra. Cales son as razóns do seu voto contrario?
O orzamento deste ano non se axusta aos parámetros dos fortes reaxustes realizados sobre o orzamento do exercicio 2009 mediante o PLAN DE SANEAMENTO que nun exercicio de responsabilidade dos grupos da oposición, e en particular do BNG, respaldamos. Nós no seu momento criticamos con dureza o orzamento do 2009 por que entendiamos que era un orzamento alegremente inflado, negador da forte crise na que xa estabamos instalados, seguramente seguindo as liñas argumentais do PSOE que, como todos sabemos, se negou a recoñecer a crise ate que lle caeu encima. O Plan de Saneamento deunos a razón e algunha das propostas que nós formularamos como críticas foron logo, no mes de xullo, incorporadas ao Plan.

Que é o Plan de saneamento?
É un plan que recorta os gastos correntes, unha lixeira suba de impostos e unha operación de endebedamento de 600.000 euros a seis anos para dispoñer de liquídez

Como se estruturan para este ano as grandes partidas do orzamento?
O investimento real é mínimo. Estas partidas, que repercuten directamente no benestar da cidadanía e na creación de riqueza, pasan do 31% do 09 con 2.091.862 Euros ao 20%, para este ano con 1.227.770€, unha caída do 41,30% respecto aos datos do ano 09.

Pero, é certo que baixan os gastos de persoal?
Na revista Altamira, o grupo de goberno do PSOE fala dun descenso nos gastos de persoal, pero é mentira, xa que eses gastos pasan do 31,25% do 09 ao 34,45% para o 2010, en termos absolutos hai unha pequena caída, pasando de 2.109.254€ para o 2009 a 2.099.864 € para o 2010, pero iso foi debido a que o total dos orzamentos baixou para este ano nun 10%, pasando de 6.748.008€ do 2009 a 6.094.887€ para o 2010, é dicir 653.121€ menos.

Que opina en relación ás previsións de ingresos?
É altamente ilustrativo o descenso da suma de impostos directos + impostos indirectos + taxas e prezos públicos que pasa do 53,9% do 09 ao 40,7 % para este exercicio. Tecnicamente sempre se recomenda que estas tres partidas cubran, cando menos, o 50 % do orzamento. Neste punto é moi significativo a caída dos impostos indirectos ( sobre construcións) que descende a 100.000€ cando no ano 09 era 315.000€, no 08 450.000€ e 650.000€ no 07. O feito indica un crecemento do concello baseado nas políticas do “ladrillo” , absolutamente insostibles.

Que partidas votan vostedes en falta?
Partidas que poderían reforzar as políticas anticrise ou ben carecen de dotación orzamentaria, ou ben levan unha dotación moi cativa. Se ben algunhas carencias son derivadas directamente das políticas restritivas do actual goberno do PP na Xunta de Galicia, como son os casos de vivenda protexida ou chan industrial. Pero logo as partidas dedicadas a acción social no referente a calidade e eficiencia dos servizos que se prestan, nin tan sequera se alcanza o 7% do total do orzamento que é o umbral mínimo necesario estimado. Ademais faltan partidas para políticas medio-ambientais, políticas de protección e recuperación e posta en valor do rico patrimonio histórico de Brión. A partida para a cooperación internacional tan só representa un irrisorio 0.05%

Pero a pesares do seu voto en contra do orzamento, as relacións entre o grupo de goberno do PSOE e o grupo municipal do BNG son mellores ca noutros tempos?
Nós aspiramos a gobernar, pero nestes momentos estamos na oposición. A nosa liña de oposición e claramente constructiva, o noso compromiso é resolver os problemas dos veciños e veciñas e non o de crear problemas onde non os hai. Neste sentido se os demais grupos aproban as nosas propostas, estupendo, se non as queren aprobar terán que explicar as súas razóns. Polo demais non compartimos a liña de oposición que fai o PP como tampouco compartimos as formas de gobernar do PSOE de Brión, e en particular do sr. alcalde que manexa o concello como se fora a súa empresa particular.

Pero o sr Alcalde case sempre apoia as vosas propostas, como interpretan este feito?
Por que son propostas construtivas, feitas para resolver problemas dos veciños e non lle resulta fácil rexeitalas, por exemplo a nosa proposta de arranxo das pistas do colexio de Pedrouzos co cargo ao chamado Plan E . Pero ademais hai un cambio de estratexia do alcalde. Depois das eleccións autonómicas, coa chegada de novo do PP á Xunta, ao alcalde mudáronlle as perpectivas, as tentacións de deixar a alcaldía para irse para a Xunta xa non son posibles, ademais o perigo de que o PP avance é real. A intención do alcalde é xogar a “partida” non a tres senón a dous e niso está moi equivocado xa que como di o conto “ quen reparte leva a mellor parte”.

En que se basea para denunciar que o alcalde manexa ao Concello como se fora a súa empresa particular?
Ten a deformación de trinta e tantos anos de alcalde, pensa que posúe a verdade absoluta e a razón en todo e iso lévao a non pactar coa oposición nin os orzamentos nin os plans anticrise do Goberno central, os chamados Plan E que lle aportaron ao noso Concello maís de 2 millóns de euros nin outros grandes proxectos que xa están en marcha como o da piscina ou a nova casa do Concello, estes dous últimos avalados polo noso grupo e criticados polo PP. Outros proxectos, que polo afán de excluírnos, fracasaron estrepitosamente foron os proxectos de “Villa Amalia” ou os proxectos de dotar ao noso concello de chan industrial.

O grupo de goberno, aínda que agora están no PSOE foron moitos anos independentes, parece que seguen mantendo unha certa distancia co PSOE?
Iso non é de todo certo, a mellor proba do que digo é que no pasado pleno o noso grupo presentou unha moción de apoio a lei de caixas e á súa fusión, o PSOE local seguindo as ordes de Santiago e de Madrid votou en contra, sabendo que a alternativa é a fusión con caixas non galegas e polo tanto moi perxudicial para a economía do país e en consecuencia dos aforros dos galegos e galegas.

Ningún comentario: