luns, 18 de outubro de 2010

MOCIÓN PARA O APOIO EXPLÍCITO Á VIABILIDADE DA PLANTA DE TRATAMENTO DE LIXO DA MANCOMUNIDADE DO BARBANZA




No pasado pleno de setembro o noso grupo presentou unha moción sobre os problemas xurdidos na planta de compostaxe da Mancomunidade do Barbanza. Faciamos especial fincapé nas débedas que tiñan co mancomunidade algúns concellos, citando como os máis salientables Carnota, Ames e Noia.

No día de hoxe, e por informacións que proveñen da propia directiva da Mancomunidade e da empresa xestora da planta, parece que os problemas lonxe de solucionarse estanse a complicar.

Persisten as débedas, aínda que parece que a medio prazo pode haber algunha vía de solución executiva que obrigue aos concello debedores, pero xorden e mesmo se agravan outros asuntos como é a recente solicitude do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que en fase de execución, ordena a paralización da planta.

A sentenza sobre este asunto data do ano 2006 e ordenaba a paralización da planta, debido a situación de ilegalidade urbanística pola proximidade a un almacén de explosivos do Ministerio de Defensa instalado no límite dos concellos de Rois e Lousame. Xusto agora, cando o traslado do polvorín parecía que entraba en fase de ser solucionalo (aínda que cun alto custo económico para a Mancomunidade ao dispoñer de terreos alternativos onde localizalo), chega o requirimento do Tribunal Superior que pon prazo á continuidade da actividade da planta.

É igualmente gravísima a pretensión do grupo de empresas ECOEMBES, que se dedica á recuperación do envase, por manifestaren a súa vontade de deixar de recoller, para a súa reciclaxe, o 70% dos envases a partires do próximo 1 de xaneiro de 2011. ECOEMBES fai unha interpretación interesada da Lei 11/1997 de Envases e Residuos de Envases polo que deduce que non está obrigada a tratar residuos que proveñan de actividades comerciais, agrícolas e industriais e só os que proveñen de uso doméstico. Isto suporía unha merma do 40% dos ingresos que recibe a planta, aproximadamente 600.000 €.

Os feitos descritos poñen a planta de tratamento do lixo de Servia nunha evidente situación de risco, tanto no que respeita á súa actividade industrial coma ao seu futuro económico. Ao marxe das decisións que debe tomar a directiva da Mancomunidade, os concellos non poden permanecer




impasibles, xa que está en risco un bo número de postos de traballo da comarca. Está en risco un modelo alternativo de tratamento do lixo medioambientalmente sostible e moderno, hai o risco que as taxas de recollida do lixo se disparen no futuro ou que mesmo o servizo sufra unha importante merma.

Por todas estas circunstancias é polo que solicitamos ao Concello en Pleno que tome en consideración as seguintes propostas:

1.- O Concello de Brión manifesta a súa vontade de defender e apoiar a viabilidade da planta de tratamento de lixo da Mancomunidade do Barbanza.

2.- O Concello de Brión manifesta que o modelo de tratamento de lixo da planta do Barbanza e un modelo medio-ambientalmente dos máis avanzados de Europa e tamén economicamente sostible.

3.- O Concello de Brión manifesta o seu firme apoio ás reivindicaciónsa dos/as traballadores/as da planta de Lousame e dos servizos de recollida.

4.- O Concello de Brión reclama que as administracións e outras entidades implicadas no futuro da planta se senten a negociar co ánimo de buscar solucións que permitan a viabilidade da planta.



Brión 15 outubro 2010




Carme Robledo Muíña


Xesús Pena Espiña

Ningún comentario: