xoves, 30 de decembro de 2010

DEBATE ORZAMENTOS 2011

A posición habitual do noso grupo nos debates orzamentarios foi, tradicionalmente, analizar as grandes partidas, propoñer cambios e tratar de introducir novas partidas que reforzasen as políticas socias e de benestar, as accións productivas, a eficiencia na xestión e a defensa do medio ambiente. Neste senso sempre defendemos a participación cidadán na elaboración dos orzamentos e a consideración do orzamento municipal como un instrumento complementario ás diversas liñas de acción que fronte a crises deben ser abordadas dende os distintos planos polas distintas administracións, Goberno do Estado e Xunta de Galicia

Tanto para o ano que agora remata como para o 2009 xa defendíamos que era necesario incrementar substancialmente os fondos destinados a partidas en investimentos reais, as partidas destinadas á creación de emprego e promoción económica e as partidas destinadas á prestación de servizos sociais. Xa que todas, de xeito traversal, derivan directamente en riqueza, confianza e calidade de vida. Ademais que era imprescindible reaxustar ao máximo posible os gastos correntes e os gastos en persoal, é dicir buscar a eficiencia nos servizos que se prestan e nos equipamentos que se xestionan.

Na perspectiva do ingresos tiñamos xa posta a lupa sobre o insostible crecemento do concello baseado nas políticas do “ladrillo”, constatada na constante caída dos impostos indirectos (sobre construcións) que no ano 2007 alcanzaban unha previsión de 650.000 e descendían a 100.000 para o exercicio do 2010 e continúan a caer para o próximo ano. Temos falado de forzar o pacto local entre a Xunta e os concellos, reclamar un montante de transferencias ás administracións en función do nivel e calidade dos servizos que prestamos e, tamén, forzar o debate sobre a urxente reforma dos entes locais: supresión das deputacións, fusión de concellos, mancomunidades, etc.
En definitiva as nosas propostas para os anos 2009 e 2010 eran establecer liñas de acción anticrise.

Hoxe o documento orzamentario que se nos presenta para a súa aprobación reflexa dramaticamente a situación de crise e recesión. Nin o Goberno do Estado nin o da Xunta foron quen de impoñer orientacións para que os efectos da crise nos entes locais fora menos impactante. O Goberno Central primeiro negou a crise, logo puxo en marcha o Plan E (seguramente a única acción positiva) despois xa empezou a falar dos “brotes verdes”, logo intentou suprimir a capacidade de endebedamento dos concellos e nos últimos tempos acude a Bruxelas a recoller os mandatos das políticas neoliberais europeas para por en marcha o desmontaxe do estado do benestar. Pola súa banda o Goberno da Xunta, ausente, loxicamente con nada distinto ao que considera o Goberno do Estado.

O Documento representa un orzamento de “estado de guerra” onde, seguramente, nin é posible nin oportuno propoñer cambios e tratar de introducir novas partidas . Dos 4,9 millóns orzamentados 4,3 destínanse ás “operacións correntes”, 278 mil euros a amortizar débedas e tan só outros 278 mil a investimentos reais. Sobran comentarios.

O grupo de goberno debería ter promovido un acordo entre os tres grupos municipais para que pola vía do consenso acadáramos un orzamento que, aínda sen deixar de ser de “estado de guerra”, marcara liñas de recuperación, garantira as políticas sociais e non fora elemento de desconfianza e debate político municipal. Posiblemente, o Goberno Municipal, pensando nas próximas eleccións locais de maio non tivo a valentía de solicitar o consenso e o apoio dos tres grupos municipais a esta proposta orzamentaria.

En consecuencia o noso grupo non vai facer propostas de reformulación e cambios nas partidas . Vamos deixar que vostedes o xestionen , pero sen contar co noso apoio.

Brión 22 decembro 2010

Xesús Pena Espiña

Ningún comentario: