O BNG de Brión realizou esta fin de semana un acto para explicar a nova Lei de auga aprobada polo PP na parroquia da Luaña. No acto participaron o Portavoz Municipal e candidato á Alcaldía de Brión, Xesús Pena e o profesor da USC, Xesús Veiga que foi deputado no Parlamento Galego.
Xesús Pena quixo destacar a importancia que a auga ten para nosa sociedade e máis nun concello como o de Brión, na que unha boa parte da súa poboación vive e traballa no rural. Segundo Pena, a auga é “un ben escaso e necesario, que non pode estar ao vaivén das marexadas políticas do PP”.
Os dous poñentes quixeron destacar que esta suba de impostos que o PP introduce coa nova Lei de augas ten como único obxectivo aumentar a capacidade recadatoria da Xunta facéndolle pagar a todos os veciños e veciñas un impostos sobre a auga. É importante destacar que o novo canon da auga non exclúe a ningún núcleo rural, nin ao de menos de 2.000 habitantes nin tan sequera aos de 500, que excluía a lei de 1993. Xesús Veiga quixo destacar que o BNG presentou no Parlamento de Galicia unha emenda neste sentido pola que se excluiría de pagar este canón aos núcleos de menos de 2.500 habitantes. Esta emenda presentada polo BNG que suporía que todo o rural de Galiza quedaría exento do pagamento deste canon foi rexeitada polo Partido Popular. Xesús Pena, Portavoz Municipal do BNG en Brión fixo fincapé na importante suba de impostos que esta nova lei vai supor para as parroquias como a da Luaña, máis se temos en conta que aqueles veciños e veciñas que teñan saneamento e abastecemento van a ver incrementado por tres o actual canon da auga.
Os veciños e veciñas que asistiron ao acto interviron facendo diferentes preguntas e manifestando a súa preocupación pola subida do canon da auga. Que paguemos todos e todas o mesmo por un ben de primeira necesidade como o da auga xerou unha profunda indignación entre os veciños e veciñas da Luaña.
Ningún comentario:
Publicar un comentario