luns, 9 de maio de 2011

O NOSA PROGRAMA 2011 - PRESENTACIÓN

O NOSO PROGRAMA. UN PROGRAMA PARA TI.

Tes nas túas mans as medidas de acción que un goberno nacionalista, un goberno do BNG, trataría de desenvolver en Brión nos próximos anos. Este programa é o froito dunha análise reflexiva de como se atopa no presente o noso Concello e de cal debe ser o seu futuro. Pero, ao mesmo tempo, este programa tamén é o resultado do intenso traballo que levamos desempeñado nas últimas lexislaturas en permanente contacto coa veciñanza.
Somos conscientes da tremenda crise, da incapacidade do Goberno do Estado para abordar con eficacia medidas de recuperación económica, do abandono das políticas de esquerda e progresistas e do perigo que corren os logros sociais do estado do benestar.

Na Xunta, o Goberno de Feijoo, unicamente está ocupado en desfacer o ben feito polo goberno do bipartito, sen políticas de acción contra a crise, o paro, a despoboación, a destrución do mundo rural e o deterioro do medio natural. De novo a emigración afecta á nosa xuventude, ademais dun paro masivo que no noso concello alcanza xa a máis de 500 persoas. Por todo isto entendemos que os concellos deben actuar como dique de contención. Desde os concellos debemos garantir os servizos sociais básicos e asistenciais. Os escasos orzamentos dos que dispomos deben dedicarse, fundamentalmente, a garantir unhas mínimas condicións de vida paro os nosos veciños e veciñas.
As nosas propostas programáticas superan, en moitos casos, o marco competencial do Concello na medida en que nos obrigan a incidir en asuntos que hoxe están en mans do Goberno Central, da Xunta, da Deputación ou mesmo son medidas de políticas europeas. Outras son propostas que nós, deliberadamente, enmarcamos no ámbito comarcal, con servizos mancomunados. Entendemos a comarca como a unidade básica territorial de Galiza que debe ser dotada de personalidade xurídica xa que posúen as dimensións máis acaídas para ser o espazo que acolla de xeito mais eficiente a inmensa maioría dos servizos e equipamentos necesarios para a vida económica, social e cultural da poboación dos concellos.

En Brión dáse unha situación moi singular: existe un goberno municipal con un alcalde que vén rexendo os destinos do concello dende o inicio da democracia fai 32 anos. Esta longa permanencia no poder permitiulle crear unha rede de intereses compartidos, de gran calado, na sociedade local e crear uns hábitos de comportamento electoral pouco democráticos. A outra rama da oposición, o PP, xogou como forza de choque practicando unha oposición virulenta e negativa, en moitos casos en contra dos intereses da veciñanza.

Ao BNG non nos gusta esta longa permanencia no poder, non nos gusta esta forma de gobernar, tampouco compartimos as actitudes que o PP veu mantendo nos últimos tempos. Nós restableceremos as vías institucionalizadas de diálogo social con todos os cidadáns e sectores sociais, potenciaremos a transparencia e a equidade na xestión e facilitaremos a participación pública no proceso de discusión e toma de decisións a nivel municipal. Abriremos os plenos, con horarios axeitados, á participación pública. O noso compromiso é o de recibir a todos e todas, escoitar e respectar as opinións diversas e logo actuar sempre baixo a perspectiva dos intereses da colectividade, do ben común, do respecto da legalidade e da igualdade de todos e todas fronte a lei.

En canto ao modelo de xestión que se veu desenvolvendo, destacaríamos os aspectos seguintes:
1.- As inadecuadas políticas de crecemento urbano baseadas, nos últimos tempos, na rápida construción de vivendas. Un crecemento urbano claramente insostíbel e hoxe paralizado pola crise. Nós, revisaremos en profundidade o Plan Xeral de Ordenación Municipal vixente que ao noso entender contempla un insostíbel crecemento urbano, con carencias nos espazos reservados para usos industriais, o lecer e para usos sociais. En paralelo deseñaremos un plan de rehabilitación de vivendas rurais, de vivenda protexida e de recuperación e fortalecemento dos núcleos existentes. Poremos en práctica políticas de asentamento e integración da nova poboación e recuperación de elementos senlleiros do patrimonio cultural e natural do concello.

2.- A calidade dos servizos públicos é moi importante, son os que determinan que os sectores sociais máis tocados pola crise aguanten e que a nova poboación se asente e integre no territorio. Moitos non son competencia directa do Concello pero os gobernos locais teñen a obriga de reclamar calidade e eficiencia a quen os prestan. Segue habendo deficiencias que afectan á subministración eléctrica, á telefonía - aínda hai moitos lugares onde non chega a banda ancha-, perdemos o servizo da oficina de correos e segue habendo desaxustes no transporte comarcal de viaxeiros que debería incrementar e reordenar o servizo ata Bastavales e a zona alta do concello. Por culpa da Xunta temos perdido o servizo de noite-bus e os servizos educativos básicos como so comedores e os post-obrigatorios tampouco están completos.

Entre os de competencia municipal, o servizo de abastecemento de augas, aínda que algo mellorado, segue a ter deficiencias. En canto á recollida de lixo cremos que a separación en orixe está sendo pouco eficaz e a viabilidade da planta de tratamento de Lousame está en perigo. Ademais, seguen aparecendo vertedoiros incontrolados, segue habendo deficiencias no tratamento das augas residuais e no control de augas de fontes de uso público. Son moi escasos os servizos da Policía Local.

3.- En canto aos servizos sociais, afirmamos, sen xénero de dúbidas, que funcionan cun certo paternalismo á vella usanza. Nós queremos avanzar na liña da promoción e da participación social das persoas, garantindo o seu acceso aos recursos en tanto que cumprimento dos seus dereitos sociais:- mellorando e creando servizos persoais que faciliten a integración social dos colectivos que parten con máis desvantaxes sociais, - creando redes de apoio que actúen con carácter preventivo ante as situacións de desigualdade social.
Neste ámbito, a aposta e compromiso do BNG durante o goberno autonómico do bipartito foi clave na creación e posta en marcha de servizos sociais públicos como as Galescolas infantís, os centros de día, o servizo de xantar na casa, as oficinas comarcais de igualdade e benestar, a concertación de servizos co asociacionismo no ámbito das discapacidades e da dependencia, a loita contra a violencia de xénero e pola igualdade de xénero, a promoción das vivendas sociais. Estes servizos sufriron graves recortes ou desapareceron, pero como goberno local impulsaremos de novo, complementándoos coas necesarias axudas e prestacións socioeconómicas e educativas.
Para abordar esta situación poñemos nas túas mans un programa innovador e un equipo de traballo con formación e ganas de traballar. De ti depende que iniciemos unha nova etapa ou que sigamos coas persoas de sempre, as actitudes de sempre e a carencia absoluta de ideas novas.

Xesús Pena Espiña

Ningún comentario: