Nestes tempos convulsos no aspecto social, económico e político renace este novo VOCEIRO coa vocación de servizo á veciñanza, voceiro que desexamos vaia moito máis aló duna simple folla de información de actividades dun partido, aínda que obviamente tamén o ten que ser por cuestións evidentes. Desexamos sexa unha revista ao dispor do cidadán de a pé do noso concello, unha revista onde poidamos expresar as nosas opinións, queixas, problemas, inquedanzas..., en definitiva que sexa un medio para o servizo de todos e que poida ser un eixe transversal entre todos nós para facer chegar as nosas voces.
Brecht dixo unha vez que o peor analfabeto era o analfabeto político, aquel que non escoita, que non fala, que non participa nos acontecementos políticos e sociais do seu arredor. É o analfabeto que argumenta a súa ignorancia e o seu desprezo polo futuro dos seus baixo a frase de que todos son iguais, de que non paga a pena cambiar nin moverse. Política é todo, é o que mercamos cada día, é a escola dos nosos fillos, o noso traballo (se o temos), son as nosas rúas, o noso agro, o noso mar. Política é todo e, en consecuencia, inicia e remata en cada un de nós. Temos pois outro medio para facer política, a política que vai máis lonxe e máis preto da microeconomía e novas doutro mundo, a política que fala de nós mesmos e do noso. E todo esto terá reflexo no noso blog...no voso blog.
Ningún comentario:
Publicar un comentario