A reforma local do PP vai supor a perda de servizos públicos e sociais que a día de hoxe estamos a recibir do noso concello.
Supón recortar estes servizos, privatizar os que queden e invadir competencias dos municipios en beneficios das deputacións (eses órganos tan democráticos!) ou de empresas privadas xestionadas por amizades do partido. En definitiva, vai repercutir na nosa rutina cotiá e na calidade de vida. Un paso mais na estratexia global de recortes e máis recortes co agravante de que invaden competencias directas do Concello, que ao final é o órgano de proximidade cos veciños e aqueles que teñen unha conciencia máis clara e directa de cales son as necesidades diarias. É, ademais, unha redución en definitiva da nosa democracia individual.
Entre outros servizos vanse ver afectados as prestacións sociais, os centros de día, as políticas de emprego, as escolas infantís, os comedores escolares, as prestacións deportivas, as escolas de música, as actividades escolares, as actividades de adultos, os servizos de dependencia, etc, etc.
Estes cambios serán desastrosos para pequenos concellos coma o noso, e sobre todo en concellos cun alto compoñente rural.
As actuacións do PP na lina de confundir as maiorías absolutas coas absolutistas, unha vez esgotados os recursos neoliberais do ladrillo, a banca, e a especulación salvaxe, atopou nas necesidades básicas do estado do benestar a súa nova galiña dos ovos de ouro: na sanidade, na educación, nos servizos básicos. Servizos aos que non podemos renunciar e, conscientes dese feito, queren dividir os dividendos das nosas necesidades en beneficios para os amigos das deputacións e as empresas do seu ámbito. En definitiva, a nosa necesidade converteuse no seu negocio. Non soamente pagamos a crise provocada por eles, senón que seguimos a encher as súas despensas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario