O pasado 15 tivo lugar a presentación do actual portavoz do Bloque na corporación de Brión Xesús Pena Espiña, como cabeza de lista.
No acto de presentación estivo acompañado pola responsábel local Carme Robledo , a delegada da Consellería de Cultura Milagres Lesta e Xosé M. Beiras da executiva do BNG e veciño de Brión.
A intervención do candidato, Xesús Pena, estivo centrada nunha profunda crítica polos 28 anos na alcaldía do actual alcalde, manifestando que esa longa permanencia no poder é perxudicial para o concello, na medida que se converte a alcaldía nunha profesión e se crean hábitos de goberno pouco participativos e transparentes. Citou, a modo de exemplo, que en Brión o goberno municipal non ten áreas de responsabilidades compartidas senón que é o alcalde quen leva e controla todos os asuntos. E, ademais, ningunéanse os grupos da oposición e non se lles facilita información.
Pasou logo a criticar os aspectos máis deficientes da actual política do grupo de goberno: urbanismo, servizos sociais e cultura. Fundamentalmente fixo especial énfase no que el considera crecemento urbanístico desenfreado e sen orde, sen espazos para servizos e lecer, ocupando zonas de protección e sen un deseño dos servizos complementarios necesarios, citou en concreto a desfeita do trazado da autovía polas Brañas de Lamiño, cando esta se podía ter levado Montes de Viceso, ou a persistencia de querer construír un polígono industrial no monte de Perros cando se pode apostar polo polígono conxunto Ames- Brión dos Barreiros.
Finalizou o acto convidando aos numerosos asistentes a uns pinchos no café-bar Nigromante de Liñares.
Brión 17 de marzo 2007
Ningún comentario:
Publicar un comentario