Santiago de Compostela, 31 marzo 2008.- A conselleira de Vivenda e Solo, a nacionalista Teresa Táboas, salientou as medidas impulsadas polo seu Departamento para favorecer o acceso a unha vivenda ás rendas medias e ás rendas con máis dificultades do país. Táboas explicou estas medidas durante unha conferencia pronunciada no marco do acto de clausura das xornadas A vivenda e a paisaxe organizadas pola Fundación Juana de Vega e a Delegación da Coruña do COAG.
“Nas últimas décadas tanto o goberno central como o anterior goberno galego renunciaron a facer unha política social de vivenda"A conselleira de Vivenda e Solo salientou que “nas últimas décadas tanto o Goberno central como o anterior Goberno da Xunta de Galicia renunciaron a pór en práctica unha política social de vivenda que contrarrestase a actuación especulativa do mercado, tendo como resultado un incremento exponencial do prezo da vivenda libre, deixando fora do acceso á vivenda a maior parte dos galegos e galegas”.
Nese sentido, Táboas salientou que “chegou o momento de apostar por un cambio de modelo, que volva a entender que a vivenda é un ben de primeira necesidade, un ben de uso e non un produto de consumo ou de investimento para as rendas máis acomodadas. Chegou o momento de que os poderes públicos adopten un papel activo e comprometido”.
Con ese propósito, a Consellería de Vivenda e Solo puxo en marcha unha serie de medidas lexislativas e de programas que teñen como obxectivo básico fomentar a construción de vivenda protexida, “que é a única a que poden acceder maioría dos galegos”, subliñou Táboas.
40% reserva de solo
Entre outras medidas, a conselleira Teresa Táboas salientou a modificación da actual Lei do Solo de Galiza, impulsada pola Consellería de Vivenda e Solo, aprobada no Consello da Xunta do pasado 14 de febreiro, e que está agora no trámite parlamentario. “A finalidade desta modificación é a de incrementar as porcentaxes de reserva de solo para vivenda protexida”, salientou Táboas.
Incrementouse até o 40% a reserva de solo para vivenda protexida nos concellos de máis de 20.000 habitantesEn concreto, a proposta do Departamento autonómico foi incrementar ao 40% a reserva de solo para vivenda protexida nos concellos de máis de 20.000 habitantes, -21 do total de 315 municipios galegos-, incluídas as grandes cidades do país, que é onde se concentra a maior parte da demandada. No resto dos concellos galegos a reserva de solo queda establecida ata o 20% segundo o caso.
Outra das medidas explicadas pola conselleira de Vivenda e Solo durante a súa conferencia é o Anteproxecto da Lei de Vivenda. “Estamos a tramitar unha nova lei de Vivenda de Galicia, cunha visión social, que reflexa perfectamente cales son as nosas preocupacións e as nosas liñas de traballo”,explicou Táboas. A previsión da Consellería é remitir o texto ao Parlamento para a súa tramitación e aprobación no próximo período de sesións.
Aposta polo aluguer
Táboas concluíu a súa conferencia explicando a aposta da Consellería e Vivenda e Solo polo aluguer. Nese sentido, a conselleira explicou que o seu Departamento traballa nunha dobre dirección para estimular o acceso a unha vivenda en aluguer. “Por unha banda puxemos en marcha o Programa de Vivenda en Aluguer, que foi recentemente reforzado a través da aprobación dun paquete de medidas que incrementan os incentivos, e que foron aprobadas no Consello da Xunta do pasado 13 de marzo”,explicou Táboas, quen salientou que o obxectivo deste programa, do que xa se teñen beneficiado 3.200 familias ou unidades convivenciais, é “mobilizar a vivenda baleira que existe no noso país, -arredor de 230.000 vivendas baleiras-, e pór esa vivenda a disposición das rendas con máis dificultades a través dun aluguer subvencionado, inferior ao do mercado libre”.
Unha segunda liña de actuación da Consellería para o fomento do aluguer é a creación dun parque público de vivendas en aluguer, ben a través da rehabilitación de edificios que compra a Consellería nos centros históricos, que unha vez rehabilitados se destinan a aluguer subvencionado, ou ben pola construción de vivenda nova nas grandes cidades, cuxo destino é o aluguer sen opción de compra.
Publicado na web do BNG o 1 de abril do 2008
Ningún comentario:
Publicar un comentario