
A Consellería de Educación e O.U vén de publicar no DOG do 11 de xuño a Orde do 26 de maio pola que se establecen as bases e se convocan, en réxime de concorrencia competitiva, subvencións para o cofinanciamento do Programa de apertura de centros educativos públicos fóra do horario lectivo nos concellos de Galicia para o ano 2008
Educación destina para esta iniciativa un total de 2.450.000 euros e poderán beneficiarse todos os concellos que teñan un ou máis centros educativos públicos. Os concellos terán que presentar un proxecto que inclúa actividades dunha ou das dúas modalidades que establece o programa. A primeira inclúe actividades saudables e de habilidades persoais para contribuír ao fomento de hábitos relacionados con estilos de vida e alimentación sans. A segunda está dirixida á mellora do éxito escolar, e á prevención do absentismo e o abandono prematuro dos estudos.
Os proxectos deberán ser presentados por cada concello antes do 12 de xullo. O importe solicitado non pode superar o 80% do orzamento do proxecto presentado.
O noso grupo entende que a iniciativa que propón a Consellería é de gran interese para os pais/nais e estudantes escolarizados no noso concello. Como todos sabemos, un gran número de familias que teñen fixado a súa residencia en Brión e con fillos en idades escolar, desenvolven as súas tarefas laborais fóra do concello polo que iniciativas deste tipo lles supoñen un importante avance na liña da conciliación da vida laboral e familiar.
Por estas razóns é polo que propoñemos que o Concello en Pleno tome en consideración a seguinte proposta:
1. O Concello de Brión toma o acordo de sumarse ao Programa de apertura de centros educativos públicos fóra do horario lectivo nos concellos de Galicia para o ano 2008 subvencionado pola Consellería de Educación e O.U. en consecuencia elaborará os proxectos necesarios para acollerse ás vías de subvencións establecidas.
2.- O Concello de Brión desenvolverá unha campaña informativa para dar a coñecer entre os/as interesados/as as utilidades de participar neste programa.
Brión 15 de xuño de 2008
Carme Robledo Muiña Xesús Pena Espiña
Ningún comentario:
Publicar un comentario