
Se revisamos os datos referidos á poboación censada no concello de Brión, vemos que algo está pasando, e é que os datos cantan. Como é que nun concello que vive en pleno crecemento urbanístico non se reflite no incremento de poboación censada? Certo é que o boom urbanístico ten comezado aquí hai uns dez anos atrás, sendo especialmente agresivo estes últimos catro, xa que non pasan desapercibidos, á vista de calquera, os novos edificios construídos á beira da autoestrada e en xeral na parroquia dos Ánxeles, Bastabales e Brión. Entón a nosa pregunta é: Onde están os novos habitantes de Brión? Por que non se censan no concello? Como é posíbel que só se incrementara o censo, nun ano, en 23 persoas (10 homes e 13 mulleres)? A nosa resposta é: A carencia de servizos. Si, a carencia de servizos que converten a Brión nun gran dormitorio, e polo tanto nun lugar adormecido, e o peor que lle pode acontecer a un concello é a ausencia de dinamismo, porque o empobrece dende o punto de vista económico, social e cultural.
O transporte intercomarcal, que non dá “arrincado” cunha franxa horaria ineficaz e uns prezos elevados para quen teña, como os estudantes, que ir varias veces no día a Santiago.
O servizo de correos, con traslado de oficina a Bertamiráns, co conseguinte ninguneo para a cidadanía brionesa.
As carencias das políticas municipais que facilitasen o acceso á vivenda aos máis novos.
Aquel “famoso” auditorio, que leva indo nas partidas orzamentarias dende hai un lustro, e que non se dá feito, a ausencia de locais de ensaio para os mozos e mozas con inquedanzas musicais e artísticas.
Os tradicionais problemas co ensino, con horarios, dotacións, ciclos formativos... que aínda seguen parcialmente sen resolver, e que dende hai anos supuxeron un lastre para o asentamento da poboación.
A carencia de lugares de encontro, parques, paseos, espazos abertos para actividades de ocio e tempo libre, etc.
Todo isto repercute negativamente nun sector que non dá despuntado, que é o empresarial, xerador de traballo e riqueza local.
Pero somos culpábeis os cidadáns e cidadás brioneses? Non, aínda que temos que apandar coa parte que nos toca, este inmobilismo semella fomentado dende a Administración, e sobre todo dende a Administración Local, o Concello ten que espertar deste aurea mediocritas no que está ensumido e facer políticas efectivas, serias, chamando ás portas que sexa, encamiñadas a solucionar os problemas reais e preocuparse menos por ter unha imaxe “cultureta” que xa non convence a ninguén.
Brión non pode ser unha cidade durminte, nós apelamos ao dinamismo sostíbel.
Ningún comentario:
Publicar un comentario