xoves, 17 de xuño de 2010

ROGOS E PREGUNTAS PLENO XUÑO 2010

1. Recentemente téñense realizado obras de mellora na estrada da Luaña (Igrexa) até A Amañecida no tramo da estrada de competencia da Deputación da Coruña. Neste tramo mellorado quedaron sen arranxar uns 250 metros na zona da curva no núcleo da aldea. Xustamente, segundo nos teñen comentado usuarios desta estrada, no tramo máis complicado xa que coincide co paso pola aldea e nunha curva moi pronunciada.
O noso grupo quere saber cales foron as razóns de que no se teña arranxado este tramo e se hai algún problema coa delimitación das propiedades nesa zona.

2. Despois de que a actual Xunta paralizara o Plan Sectorial de Vivenda feito polo anterior goberno do bipartito, e que se concretaba no caso de Brión na área de Villa Amalia, o noso grupo ten recibido queixas de veciños sobre o lamentable estado actual desta finca o que puidemos constatar facendo un percorrido pola mesma. Referímonos aos sumidoiros que están sen fechar e que supoñen un perigo para persoas e animais que pasean ou simplemente se adentran por curiosidade na finca, xa que en ningún lugar se prohibe o paso ou se indica con sinais a perigosidade do lugar. Ademais convén dicir que a profundidade destes “foxos” impide saír deles se alguén cae.
Rogamos que o concello adopte medidas oportunas e proceda a tapar estes buratos.

3. O entorno exterior do campo de fútbol de Brión atópase nun estado de aparente abandono. As zonas que quedan entre as beirarúas e o peche do campo presenta un mal aspecto, aínda que nos últimos días estáselle a botar mais terra, procedente do desmonte da piscina, sospeitamos que vai quedar así. A nosa proposta é que toda a zona do entorno exterior do campo se someta a un proceso de axardinamento, con céspede, arbores e plantas ornamentais e que ademais nas dúas entradas se coloquen papeleiras no exterior.

4. O noso grupo ten recibido queixa de que nalgunhas pistas forestais da zona alta do concello se está procedendo a reforzar o seu firme utilizado material de refugallo da construción. En concreto, nas imaxes que se adxuntan, recolle a actuación realizada na pista que sobe desde A Amañecida cara á planta de depósitos de materias de refugallo de obras no concello de Lousame.
Os materiais utilizados para o reforzo do firme son os propios dos restos de refugallos das obras, triturados pero sen unha axeitada separación e selección, polo que se esta a utilizar nos recheos materias cerámicos, ladrillos, restos de cementos pero tamén materias plásticos, cables eléctricos, restos de metais, etc..

O noso grupo quere saber :

a. Se este material procede da planta de Lousame.

b. Se son os operarios do Concello que fan as obras de reforzo dos camiños.

c. Se o Concello está a facer un seguimento destas obras e do cumprimento das normativas medio-ambientais para a utilización de materias de refugallo da construción.

Ningún comentario: