xoves, 5 de novembro de 2009

O BNG de Brión reclama ao concello a creación dun carril-bici



O bng de Brión vén de presentar unha proposta no concello sobre a creación dun carril –bici, aproveitando as dúas vías perimetrais urbanas que se están a executar. Estas novas vías van conexionar Soigrexa Os Anxeles) e o corredor de Santiago a Noia e a outra que arranca na rotonda de incorporación á autovía e morre por riba de Aguiar na actual estrada de Negreira.
En paralelo a estas dúas novas vías se podía construír un carril-bici , nalgún outro tramo podería aproveitar vías de servizo e os pasos elevados da actual autovía e noutros tramos recuperar vellos camiños ou pistas en desuso. Deste xeito poderiamos contar cun carril-bici de deseño case circular que podería enlazar Perros ou mesmo Bastavales cos Ánxeles e Pedrouzos.
O bng bota man do manual «En bicicleta, cara a cidades sen malos fumes», publicado pola UE para promover o uso urbano da bicicleta afirma que: «fundamentalmente, é a falta das condicións necesarias o que impide moverse en bicicleta”.O grupo do bng expón unha ampla relación de bondades que supón a utilización deste vehículo, facendo fincapé na sostibilidade e na saúde. Polo demais, algunha parte deste obra, contemplada en fases, poderíase financiar, no momento presente, axustándose ao recén aprobado Real Decreto-lei13/2009, de 26 de outubro, polo que se crea o ”Fondo Estatal para el Empleo y la Sostenibilidad Local.” No que se contempla como unha das prioridades as obras “dirixidas a promover a mobilidade sostible urbana e reforzar os modos de transporte menos contaminantes...”
Ademais o bng afirma que sería un equipamento, único e pioneiro na comarca, e de gran utilidade para o deporte, o ocio e a saúde dos/as veciños e veciñas de Brión

1 comentario:

Henry dixo...

Paréceme unha moi voa proposta,así a xente pode facer os seus recados no municipio sen quitar o coche do garaxe.