martes, 9 de marzo de 2010

O BNG traballa para que Brión teña un desenvolvemento sostíbel


Dende o BNG local presentamos a proposta a favor dos hortos urbanos ou hortos nas cidades, que nos permiten ademais de conservar os espazos verdes, promover valores de solidariedade, cooperativismo e respecto ao medio ambiente. Sendo un proxecto aínda moitísimo máis integrador se se traballa nas hortas con persoas con discapacidade, da terceira idade e sobre todo cos centros escolares que ademais están concentrados na zona que pensamos óptima (no terreo que hai ao lado do campo de fútbol con máis de 14.000 metros cadrados) Con esta proposta dende o BNG queremos fomentar un conxunto de valores que se poden condensar na aseveración de que “un outro mundo é posíbel”
E dentro deste outro mundo posíbel enmarcase outra proposta como é a da creación dun carril-bici. Dende o grupo municipal instamos ao goberno municipal para que encargue aos servizos técnicos do Concello o estudo dun proxecto, que en paralelo ás novas vías en construción leste e oeste, uniría de xeito circular Bastavales con Brión. Queremos igualmente que se estude a posibilidade de incluír este proxecto dentro do Real Decreto-Lei 13/2009 (Plan E) para poder financialo.
Do mesmo xeito, e tras as diferentes queixas que nós tiñan chegado de veciños e veciñas da zona de Curixido sobre o nivel de ruído que producía a empresa Ecowarm de Galicia-Resifo, o grupo municipal propuxo a aplicación de medidas correctoras a aplicar á fabrica, instando ao concello para que obrigase á mesma a aplicalas. A empresa mostrouse predisposta a paliar esta situación nun acordo cos afectados polo que dende o BNG de Brión lle trasladamos os nosos parabéns aos veciños e veciñas que traballaron para buscarlle unha solución.

Así memso, dende o grupo nacionalista instamos ao Concello en Pleno para que tomase o acordo de dirixirse á Dirección Xeral de Obras Públicas da Xunta de Galicia para solicitarlle a instalación de pantallas antirruído no tramo da autovía Santiago-Brión no tramo do viaduto de Lamiño no lado pegado ao núcleo de poboación de Adoufe

Dende o BNG de Brión, conxuntamente co grupo municipal do BNG de Ames presentamos unha emenda aos orzamentos da Xunta en relación ao proxecto do polígono dos Barreiros que segundo os Plans Xerais de Brión e Ames este ocuparía unha superficie de case 130 Ha, correspondendo o 28% ao concello de Brión e o 72 % ao concello de ames. Igualmente contemplase que este parque industrial debería ser desenvolvido polo Instituto Galego de Vivenda e Solo. A emenda entendía que era urxente que a Xunta de Galicia no seu proxecto de orzamentos para o ano 2010 dotase unha partida destinada a iniciar o proceso de construción deste novo polígono intermunicipal dos Barreiros. Esta partida debería ser, para esta fase inicial, non inferior a 500.000 euros. O goberno do PP na Xunta fixo caso omiso a esta proposta.

Ningún comentario: