martes, 15 de febreiro de 2011

ROGOS E PREGUNTAS PLENO FEBREIRO 2011

1. Sobre o arranxo de farolas:
a. O noso grupo xa ten denunciado ante as dependencias municipais a rotura e en consecuencia o non funcionamento dunha farola sita en Agro Novo (esquina do chalet 123 na rúa que dá acceso aos garaxes) que é de total necesidade para a veciñanza ao estar situada nunha zona moi escura. A farola está rota dende o verán e vemos que o tempo pasa e segue igual.

Por todo isto rogamos ao concello en pleno que solucione, urxentemente, este problema e que se tomen as medidas legais oportunas para que os responsables do feito, de estaren identificados, se fagan cargo dos custos.
Así mesmo queremos insistir no noso compromiso a prol da redución de contaminación lumínica que afecta á zona dos Ánxeles e que se solucionaría apagando moitas das farolas que non supoñen ningún beneficio para a veciñanza e que suporía. Ademais, un importante aforro económico e ecolóxico.

2. Sobre o reparto das subvencións.

De novo este ano vemos como a Sociedade de caza de Brión se nutre dunha importante subvención de 3000 euros, caso insólito na Galiza. O noso grupo roga que o señor alcalde nos explique cal é o beneficio que trae esta actividade para o resto da cidadanía (o ano anterior díxosenos que era para repoboar o monte de coellos). O noso grupo ten noticias de que houbo protestas por parte dos veciños sobre a proximidade dos cazadores ás casas e aos camiños, incluso disparando, incumprindo a normativa vixente, soa a broma). Cremos que o diñeiro público debe utilizarse para o beneficio de todos e todas e que cada un debe pagarse as súas propias aficións, polo tanto criticamos e mostramos a nosa total disconformidade con esta subvención xa que, repetimos, non ten ningún interese social, cultural, medioambiental, económico, etc. para o concello de Brión.

3. Sobre a paralización do vial a Perrós
Queremos saber sobre a paralización do vial que vai a Perros e cales foron os antecedentes que o provocaron.

4 .Sobre verquidos no río Pego
O noso grupo ten constatado a presenza, polo mes de decembro, de verquidos no río Pego de aceites ou substancias similares. Queremos saber se o concello ten constancia deste feitos e en calquera caso rogamos que manteña unha actitude vixilante e de control sobre estes feitos dadas as características das empresas da zona.

Ningún comentario: